A 36ª Romaría da Rapazada encherá Siador de xogos, deporte, música, obradoiros e actividades para todos
- Laura Moure

- hace 36 minutos
- 5 min de lectura
Silleda coordina o dispositivo de seguridade das Festas de Verán coa comisión organizadora e a Policía Local
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda celebrará o vindeiro sábado 20 de xuño a 36ª edición da Romaría da Rapazada, unha das citas máis queridas e consolidadas do calendario infantil e familiar do municipio. A programación desenvolverase en Siador, entre as 11:00 e as 21:00 horas, cunha xornada chea de propostas lúdicas, deportivas, culturais e participativas para todas as idades.
Cos seres fantásticos como temática de fondo, esta nova edición convida ás familias a gozar dun día completo de convivencia ao aire libre, nunha contorna natural e festiva. Para facilitar o desprazamento ata Siador, o Concello habilitará un tren turístico con saídas dende o parque das Pedrosas e horarios que se anunciarán nos vindeiros días. As prazas serán limitadas.
A alcaldesa, Paula Fernández, que onte presentou o programa xunto coa concelleira de Cultura, Mónica González, e a concelleira de Educación, Ángela Troitiño, destaca que a Romaría da Rapazada “é unha das actividades máis especiais do ano, porque combina xogo, natureza, convivencia e participación das familias”. “Falamos dunha cita que mudou co tempo, pero que mantén intacta a súa esencia: ofrecer á rapazada un día para desfrutar, descubrir, compartir e vivir experiencias diferentes nun ambiente seguro e festivo”, sinala.

Pena agradece tamén a implicación das entidades colaboradoras, “que fan posible unha programación moi variada e pensada para distintos gustos e idades”. “A Romaría é tamén un exemplo de traballo en rede, coa participación de colectivos, asociacións e entidades que se suman para facer deste día unha verdadeira festa da rapazada”, engade.
A xornada comezará ás 11:00 horas coa V Carreira de Orientación de Silleda, organizada en colaboración con Xesta Natureza. A proba consistirá en visitar no menor tempo posible as balizas establecidas seguindo a orde indicada no mapa. As inscricións poden realizarse a través da web xestanatureza.com e poderán participar equipos de ata seis persoas. A carreira contará con tres categorías: Xestiñas, pensada para nenos e nenas,
cun percorrido sinxelo física e tecnicamente de menos de 3 quilómetros; Xestas, para persoas adultas, cun nivel físico e técnico medio e menos de 4 quilómetros; e Xesteiras, dirixida a participantes con coñecementos medios ou altos de orientación, cun nivel físico e técnico alto e máis de 5 quilómetros. As saídas serán escalonadas e a organización facilitará unha tarxeta electrónica para rexistrar o paso por cada baliza.
Durante toda a mañá e boa parte da tarde, de 11:00 a 19:00 horas, haberá tamén punto de información, servizo de bebidas a cargo da Asociación Veciñal de Carboeiro, zona de aparcadoiro de balde e unha exhibición de tractores do Museo do Campo e da Mecanización.
Ás 13:45 horas chegará unha das primeiras propostas escénicas da xornada, co Trío Detrés, que ofrecerá unha actuación de música e espectáculo. Ás 14:30 horas farase unha pausa para xantar na carballeira, mantendo así o espírito tradicional de romaría e convivencia familiar ao aire libre. A programación retomarase pola tarde cun amplo abano de actividades entre as 16:00 e as 19:00 horas. Haberá xogos, inchables e propostas deportivas como petanca, coa participación do Clube de Petanca de Bandeira; gran xogo
da oca baixo o título “De-construíndonos; tiro con arco; tobogán de auga; rocódromo; castelo máxico e xadrez.
Obradoiros, espectáculo final, sorteos e festa da escuma
Ás 17:00 horas desenvolverase ademais un obradoiro de esgrima con Compostela Esgrima e o Xogo dos contos ao revés, unha proposta orientada a romper estereotipos fantásticos a través do xogo e da creatividade. Os obradoiros ocuparán tamén un lugar destacado na programación. A ANPA Raparigos participará co espazo O Reino Fantástico, que incluirá propostas como O Bosque Encantado, con coroas de flores e variñas máxicas, e A Montaña dos Dragóns, con dragóns botalumes e máscaras de dragón.
Tamén haberá actividades con Aupa Deza, como a Fada das Flores, ademais de chapas, pintacaras e un obradoiro de rol exprés con Dezamerón, con propostas vencelladas a Dungeons & Dragons e pintado de miniaturas.
A partir das 19:00 horas chegará o momento dos sorteos baixo o lema “Participar na Romaría ten premio!”. As persoas asistentes poderán achegarse ao posto de información para conseguir un número para o sorteo, participar na carreira de orientación e pasar polo máximo número de actividades para entrar nos premios.
PUBLICIDADE
A recta final da xornada contará con máis espectáculos e animación, coa participación de Máis que Danza, o espectáculo Távole de Circo Txosco e a tradicional festa da escuma final, para a que se recomenda levar calzado pechado, gafas de piscina e roupa seca para cambiarse.
Dende o Concello recoméndase ás familias acudir con gorra e protector solar para pasar unha xornada divertida e segura. Tamén se lembra a importancia de achegarse ao punto de información ao chegar a Siador para coñecer a distribución das actividades e resolver calquera dúbida. A 36ª Romaría da Rapazada preséntase así como unha xornada pensada para gozar en familia, fomentar a convivencia, promover o xogo ao aire libre e seguir reforzando unha das tradicións máis participativas e entrañables da programación municipal de Silleda.
Por outra banda, O Concello de Silleda mantivo unha reunión de coordinación con motivo da celebración das Festas de Verán de Silleda, que terán lugar do 9 ao 12 de xullo. A xuntanza serviu para abordar distintos aspectos relacionados coa seguridade, a loxística, os horarios e a organización xeral do evento, unha das citas máis agardadas do calendario festivo local.

Na reunión participaron a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández; a concelleira de Cultura, Mónica González; o xefe da Policía Local; e membros da comisión de festas, integrada por representantes da Asociación Xuventude Silleda e da Asociación Cultural O Lacón. Así mesmo, tamén se abordaron con Silleda é Luz, a empresa encargada do mantemento do alumeado público municipal, distintas cuestións técnicas relacionadas co subministro e as conexións eléctricas necesarias para o desenvolvemento das festas.
Durante o encontro analizáronse cuestións relativas aos cortes de rúas previstos na vila durante os días de festa, así como a ordenación dos espazos, a ubicación das distintas actividades, a coordinación dos horarios e outras medidas vencelladas á seguridade e ao bo desenvolvemento da celebración.
A alcaldesa, Paula Fernández, destacou “a importancia de traballar con previsión e coordinación para que unhas festas destas características se desenvolvan con todas as garantías”. A rexedora agradeceu “a implicación da comisión de festas, da Policía Local, das empresas colaboradoras e de todas as persoas que traballan para que Silleda poida volver gozar dunhas festas participativas, seguras e abertas á veciñanza”. Fernández subliñou tamén que as Festas de Verán “son unha cita moi especial para Silleda, un momento de encontro, convivencia e celebración colectiva”. “O obxectivo é que a veciñanza e as persoas que nos visiten poidan desfrutar da programación nun ambiente festivo, pero tamén seguro, organizado e respectuoso”, engadiu.
Entre as medidas previstas, o Concello habilitará durante as festas un Punto Morado, co obxectivo de ofrecer un espazo de información, prevención e atención fronte a posibles situacións de violencia machista ou comportamentos inapropiados. Esta iniciativa forma parte do compromiso municipal coa igualdade e co desfrute dunhas festas libres, seguras e respectuosas para todas as persoas.
Revisión das atraccións
Así mesmo, o Concello de Silleda contratou novamente, ao igual que xa fixera o pasado ano, a revisión técnica das atraccións instaladas con motivo das festas. A entidade de control ECCOM Aucatel será a encargada de realizar estas inspeccións, co fin de garantir que as instalacións cumpren coas condicións técnicas e de seguridade necesarias antes da súa posta en funcionamento.
PUBLICIDADE
Dende o Concello incídese en que este tipo de reunións previas son fundamentais para coordinar todos os aspectos organizativos dun evento que reúne cada ano a numerosas persoas na vila. A colaboración entre a administración local, a comisión de festas, os servizos de seguridade, as empresas responsables dos aspectos técnicos e as entidades implicadas permite anticipar necesidades e establecer un dispositivo axeitado para os días
de celebración.
A programación completa das Festas de Verán de Silleda 2026 darase a coñecer a vindeira semana. Dende o Concello anímase á veciñanza a participar e a gozar dunhas festas que volverán combinar música, tradición, ambiente nas rúas e propostas para distintos públicos.








Comentarios