Falamos coa avogada melidense Fátima Amboage Santos para resolver dúbidas
Laura Moure/Xeral
Hoxe falamos de novo coa avogada melidense Fátima Amboage Santos para resolver unha serie de dúbidas que xorden tras poñerse fin ao estado de alarma o pasado día 9.
1. Atopámonos nun escenario ambiguo…quen adopta as decisións a partir do 9 de maio sen estado de alarma?
As decisión van a adoptarse no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde de España. Este órgano é o encargado da cooperación e intercomunicación dos servizos de saúde das Comunidades Autónomas entre si e coa Administración do Estado.
Neste contexto de pandemia, dende os inicios, o Ministerio de Sanidade e as Comunindades Autónomas (CCAA) acordan por unanimidade actuacións coordinadas para controlar a transmisión da Covid-19; ben é certo que recementemente, a sona que tivo este órgano foi maior debido ás decisións tomadas co fin do estado de alarma. É importante sinalar que as medidas que adoptou o citado Consello (fin do toque de queda, do peche perimetral, menores limitacións respecto das reunións…) son de obrigado cumprimento.
Porén, as CCAA carecen das competencias necesarias para adoptar decisións que poidan afectar aos dereitos fundamentais, polo que, sendo conscientes desta circunstancia, aprobase o Real Decreto Lei 8/2021 de 4 de maio, polo cal se adoptan medidas urxentes na orde sanitaria, social e xurisdicional a aplicar trala finalización do Estado de Alarma. Nestas medidas, concretamente, no Capítulo VI as relativas á orde xurisdicional de modo que, é preciso que, antes de que as CCAA adopten unha decisión, esta debe ser aprobada ou ratificada xudicialmente. Nesta ratificación tamén está presente o Ministerio Fiscal, e será un procedemento que sempre terá carácter preferente e deberá resolverse mediante auto xudicial no prazo máximo de tres días naturais por parte do Tribunal Superior de Xustiza da correspondente comunidade autónoma, susceptible de aprobar unha decisión.
Asemade desta ratificación por parte dos Tribunais Superiores da Comunidade Autónoma, engádese un novo artigo 87 ter cuxa finalidade é que as decisións sexan unificadas a través dun recurso de casación o cal resolverá o Tribunal Supremo. Polo tanto, e con elo, ademáis de que a decisión última se atopa en mans deste último órgano citado, este, unificará a doutrina e creará xurisprudencia para todas as autonomías.
2. Deste modo, as comunidades autónomas non poden decretar medidas que afecten a dereitos fundamentais, como por exemplo, toques de queda en toda a autonomía?
En realidade, para situacións graves, moitos xuristas falan de que en determinadas circunstancias si que as comunidades autónomas poidan adoptar ditas decisión transcendentais, obviamente en casos de extrema urxencia, nos cales houbese miles de contaxios, por exemplo. Todo elo coa base lexislativa da Lei Orgánica de Medidas Especiais en Materia de Saúde Pública do ano 1986. Este texto lexislativo, no seu artigo tres, sinala que co fin de controlar as enfermidades transmisibles, a autoridade sanitaria, ademais de realizar as acción preventivas xerais, poderá adoptar as medidas oportunas para o control dos enfermos, das persoas que estiveron en contacto cos mesmos, así como as que consideren precisas en caso de risco transmisible. Atendendo a isto, os expertos indican que si que poderían verse peches perimetrais pero máis ben, sería de zonas sanitarias ou como moito de cidades, nunca dunha autonomía. Ademais, estas decisións aínda sendo extraordinarias, deberán adoptarse por decreto e terían que contar co aval dos tribunais.
3. Podería volver decretarse un estado de alarma? Ou mais ben, debe decretarse un novo estado de alarma ou deixar a resposta en mans das comunidades autónomas?
Ambas opcións son posíbeis. O artigo 116.2 da Constitución habilita ao Goberno para decretar un novo estado de alarma (“2. El estado de alarma será declarado por el Gobierno mediante decreto acordado en Consejo de Ministros por un plazo máximo de quince días, dando cuenta al Congreso de los Diputados, reunido inmediatamente al efecto y sin cuya autorización no podrá ser prorrogado dicho plazo. El decreto determinará el ámbito territorial a que se extienden los efectos de la declaración”).
Por outra parte, no eido autonómico, o Presidente de calquera comunidade autónoma que entenda que concorra alguna das alteracións previstas no artigo 4 da Lei Orgánica 4/1981 de 1 de xuño, dos estados de alarma, excepción e sitio, que afecten exclusivamente a todo ou parte do eido territorial da súa comunidade autónoma, poderá solicitar do Goberno a declaración do estado de alarma (“Cuando los supuestos a que se refiere el artículo anterior afecten exclusivamente a todo, o parte del ámbito territorial de una Comunidad Autónoma, el Presidente de la misma, podrá solicitar del Gobierno la declaración de estado de alarma”).
4. E tendo en conta toda esta base xurídica á que nos estamos referindo, é posible empregar como instrumento xurídico a lexislación de emerxencia sanitaria que temos?
As leis que permiten abordar a nivel nacional a situación de emerxencia sanitaria que vivimos, son tres:
A Lei Orgánica 3/1986 de 14 de abril, de Medidas Especiais en materia de Saúde Pública, a cal permite restrinxir dereitos fundamentais se se conta coa autorización dun xuíz para situación individualizadas e xustificadas de forma exhaustiva.
A Lei 14/1986 de 25 de abril, Xeral de Sanidade, que, ao non tratarse dunha lei orgánica, non permite limitar dereitos fundamentais, como é a liberdade de circulación das persoas, pero si que habilita ás autoridades a que adopten as medidas preventivas que estimen oportunas.
A Lei 33/2011 de 4 de outubro, Xeral de Saúde Pública, que establece que as autoridades poderán adoptar de forma extraordinaria aquelas medidas que consideren precisas que consideren necesarias para asegurar o cumprimento da lei.
En realidade, baixo a primeira Lei que citamos, a Lei Orgánica 3/1986 de 14 de abril, pode limitarse a liberdade de desprazamento e circulación de persoas polo territorio nacional (artigo 19 da Constitución) baseándose nunha causa de emerxencia sanitaria, como é a da pandemia xerada pola Covid. Non obstante, tal limitación deberá xustificarse polos poderes públicos e acotarse a quen e por canto tempo se van a aplicar estas limitacións. Así mesmo, para que entre en vigor, dado que se ten que tratar dunha norma individualizada, debe contar coa autorización xudicial correspondente.
Moitos xuristas son os que critican e consideran que esta normativa está caducada e é obsoleta xa que estes textos foron pensados para enfermos concretos e non para unha pandemia. A regulación coa que contamos resulta insuficiente para facer fronte ás necesidades das autoridades competentes. Chama a atención a escasa reforma lexislativa que tiveron estas normas que explicamos… mais ben é certo que, entre estas escasas reformas normativas sobre o tema que nos ocupa, pode destacarse a Lei 3/2020 de 18 de setembro, de medidas procesuais e organizativas para facer fronte á Covid (a cal modifica a lei reguladora da xurisdición contencioso- administrativa) para que os Tribunais Superiores de Xustiza ou a Audiencia Nacional, segundo proceda, poidan coñecer en única instancia os recursos que impliquen limitación ou restrición de dereitos fundamentais cando os seus destinatarios non se atopen identificados individualmente.
5. Que acontece con aquelas decisións que queiran tomar as comunidades autónomas que non afecten a dereitos fundamentais? Por exemplo, establecer horarios de peche da hostelería?
Só se someten as decisións en materia sanitaria ao control xudicial se afectan a dereitos fundamentais, por exemplo, liberdade de movemento: toque de queda ou peche perimetral. Se ben, iso non impide a Concellos e comunidades autónomas que poidan tomar decisións nos eidos restantes, como por exemplo, establecer un horario de peche para os bares e restaurantes, tal e como está a acontecer.
6. No tocante ao eido laboral, que acontece cos ERTES? Poderán as empresas seguir solicitando ERTES?
En principio non, salvo que se introducise unha modificación normativa ao respecto, finalizado o estado de alarma non poderán solicitarse máis ERTES por forza maior ou por causas ETOP (causas organizativas, produtivas ou económicas) derivados da Covid.
Sen perxuizo delo, poderán solicitar ERTES por outras causas distintas: de limitación, por exemplo.
7. Falábase coa existencia do estado de alarma da “prohibición de despedir” e do “mantemento de emprego”. Que sucede con iso? Poden efectuarse despidos ou extinguirse contratos de traballo?
Si, aínda que haberá que ter en conta a lexislación laboral que en cada momento se aplique, é dicir, non poden darse despidos ou extincións de contrato de traballo cuxa causa obedeza a unha forza maior ou se amparase en causas ETOP, pero si que se poden dar fins de contrato. En conclusión debe terse en conta a previsión do mantemento de emprego contemplada na disposición adicional 6ª do RD, que contempla o compromiso por parte da empresa de manter o emprego durante seis meses dende que se produza a reanudación da actividade. É preciso explicar que “renaudación da actividade” refírese á finalización das medidas de redución ou suspensión de xornada. Polo tanto, nos ERTES de forza maior haberá que tomar como referencia máxima o momento en que finalice o estado de alarma, e nos ERTES por causas ETOP haberá que partir do momento no que finalicen as medidas de redución ou suspensión de contratos de traballo.
コメント