37 estudantes de FP, entre eles un de Lalín, representarán a Galicia no Spainskills
- Laura Moure

- hace 1 hora
- 2 Min. de lectura
A cita terá lugar do martes ao sábado da vindeira semana en Madrid e a nosa Comunidade participa en 33 das 34 modalidades convocadas
Laura Moure/Lalín
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, recibiu este venres aos 37 estudantes que representarán a Galicia no campionato nacional de Formación Profesional SpainSkills 2026, que terá lugar a vindeira semana en Madrid, en concreto do martes 24 ao sábado 28. Entre eles hai un de Lalín.

Antes de iniciar a súa participación, o representante da Xunta, que estivo acompañado pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, desexoulles “moita sorte e ánimo para demostrar en equipo o enorme potencial da FP galega”, ao tempo que agradeceu o traballo e a dedicación por parte do alumnado ao longo dos últimos meses de preparación, algo que fixo extensivo ao profesorado e os centros implicados.
“Sexa cal sexa o resultado, sodes un orgullo para o noso sistema educativo”, afirmou o conselleiro, quen eloxiou “o exemplo deste grupo de rapaces e rapaces pola súa constancia, capacidade de superación e esforzo para acadar a excelencia”.
Publicidade
O alto nivel da FP galega queda reflectido no feito de que a “selección galega de Formación Profesional”, como a definiu o conselleiro de Educación, compite en 33 das 34 modalidades do campionato. Delas, 30 son competicións clasificables para os campionatos internacionais e tres desenvolveranse en formato demostración.
Participantes por concellos
Todos os participantes son gañadores de GaliciaSkills, o campionato autonómico organizado pola Consellería desde o ano 2012 e celebrado na súa última edición o pasado mes de outubro. Proceden de 25 centros de toda Galicia, en concreto dos concellos da Coruña (8 alumnos), A Estrada (1), Cambados (2), Culleredo (1), Ferrol (1), Lalín (1), Lugo (6), Ourense (3), Padrón (1), Ponteareas (1), Ponteceso (1), Pontevedra (1), Santiago de Compostela (4) e Vigo (6). Todos compiten en categoría individual, agás catro que o fan en parella. O listado completo de participantes pode consultarse no dossier anexo.
Publicidade
En concreto, o representante de Lalín é Radoslaw Lisiecki do IES Ramón Mª Aller Ulloa.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

O alumnado que obteña a medalla de ouro en SpainSkills formará parte da delegación española nos vindeiros campionatos internacionais. No mundial, que se celebrará en Shanghai en setembro de 2026, e no europeo, previsto en Alemaña no 2027.








Comentarios