Será nunha quincena de municipios e entre estes figura Melide
Laura Moure/Melide
A Subdelegada do Goberno na Coruña achegouse este luns ata a Comandancia da Garda Civil en Lonzas para dar a benvida a 13 alumnos e 2 alumnas que, tras o período de formación na Academia da de Baeza (Xaén) e no Colexio de Gardas Novos de Valdemoro (Madrid) incorpóranse a realizar as súas prácticas en diferentes postos da comandancia na provincia da Coruña, entre estes no de Melide.
Cada unha destas alumnas e alumnos desenvolverán o seu período de prácticas nas unidades de seguridade cidadá de Fene, Carballo, Oleiros, Arteixo, Cambre, Valdoviño, Sada, Santiago, Ortigueira, Boiro, Laracha, Milladoiro, Sigüeiro, Malpica e Melide. A subdelegada do Goberno lembrou que moitas das incorporacións, destes novos e novas gardas civís permitirán reforzar o dispositivo policial da Operación Verán, que xunto con novas incorporacións á Policía Nacional, proporcionarán unha protección efectiva a toda a cidadanía, nacional ou estranxeira, que acuda ou se mova por España, e en concreto, para gozar do seu período vacacional estival, así como a todas as actividades vinculadas ao turismo.
Publicidade
A Operación Verán arrincou o 1 de xullo e o dispositivo policial estenderase ata o 31 de agosto. Un total de 1.571 efectivos policiais dedicaranse a esta operación, que prestará unha atención especial ás cidades, ás zonas turísticas, ás festas e ao Camiño de Santiago. Deste total, 822 efectivos pertencen á Garda Civil e 749 ao Corpo Nacional de Policía.
Publicidade
A subdelegada lembrou tamén que Galicia conta coa maior cifra de efectivos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado da historia. A paulatina incorporación ás súas comisarías ou cuarteis, durante estes días, das últimas promocións de axentes que superaron o proceso de formación inicial nas academias de cada corpo fará que o persoal das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Galicia chegue ás 8.858 persoas. Trátase dunha cifra superior á rexistrada a finais de 2011, data que ata o de agora marcaba o máximo de efectivos policiais na Comunidade.
Desde ese ano, o persoal de Policía Nacional e de Garda Civil experimentou un acusado proceso de redución que levou a que, en decembro de 2017, ambos os corpos sumasen 8.214 efectivos na Comunidade. Por tanto, a cifra deste verán superará en 644 os efectivos de fai cinco anos, cun crecemento do 7,8%. O aumento de persoal de Policía Nacional e Garda Civil foi posible grazas ás cinco ofertas de emprego público sucesivas convocadas por iniciativa conxunta do Ministerio de Facenda e Función Pública e do Ministerio do Interior, todas elas con taxas de reposición superiores ao cen por cento.
Comments