top of page

Ábrese no Pino a inscrición das actividades culturais municipais para persoas adultas e menores

Medra a oferta de talleres e cursos nas parroquias para fomentar a participación de toda a veciñanza


Laura Moure/O Pino

O Concello do Pino abre a inscrición para as actividades de lecer e culturais que desenvolverá durante os meses de outono e inverno e que están dirixidas tanto a menores como a persoas adultas. Moitas das actividades faranse polas distintas parroquias,

sempre e cando conten cun número mínimo de participantes para formar grupo. As

inscricións poden facerse na Casa da Cultura ou chamando ao teléfono 981 511 065.


Publicidade

Coa fin de achegar as propostas o maior número de persoas e, en especial, as de máis idade, os locais sociais acollerán un bo número de cursos e obradoiros. Con prazas limitadas, formarase grupo en todas aquelas parroquias que conten cun número mínimo de persoas inscritas e os horarios delimitaranse en función das súas preferencias.


Os talleres desenvolveranse dúas horas á semana e poderase elixir entre Arte Floral (24

euros), Conservas (25€), Xabóns (25 euros) ou Manualidades (20€). Ademais, ofértanse

obradoiros de Foundant (20€) para aprender a decorar tartas e galletas, de Fimo e Epoxy

(20€) ou de Pasta Porcelana (20€), no que as persoas asistentes poderán iniciarse no mundo da cerámica e da porcelana para aplicala ao deseño de pequenos obxectos ou xoias.

Así mesmo, repítense dúas actividades que ano tras ano gozan de grande aceptación como son a de Memoria (18 euros) e a de Risoterapia (15 euros), que contribúen a fomentar as habilidades cognitivas e sociais ou reducir o estrés para impulsar un envellecemento activo.


Por outro lado, as parroquias acollerán tamén a proposta É-Punto, unha iniciativa destinada

a toda a veciñanza maior de 6 anos que ten como obxectivo recuperar oficios e labores de

antano como calceta ou gancho. Esta actividade desenvolverase de 17:00 a 19:00 horas e

ten un custo de 15 euros.


Xa na Casa da Cultura, en Arca, desenvolveranse os cursos de Bolillos e Corte e confección, ámbolos para maiores de 6 anos. O curso de bolillos ten un custo de 35 euros e desenvolverase os mércores de 16:30 a 18:30 horas, mentres que o de costura ofrece horario tanto de mañá como de tarde en tres quendas: martes de 10:30 a 12:30 horas, xoves de 16:30 a 18:30 horas e xoves de 19:00 a 21:00 horas. O prezó é de 25 euros.


Publicidade

As persoas interesadas poderán así mesmo poñerse ao día coas novas tecnoloxías nos cursos de informática, nos que poderán aprender a realizar os trámites administrativos máis habituais como pedir citas médicas, solicitar o permiso para unha queima, así como facer un documento ou enviar un correo. Estes cursos poderanse facer de mañá (de 10:30 a 12:00 horas) ou de tarde (de 16:30 a 18:00 horas), segundo lles veña mellor ás persoas usuarias. O prezo é de 24 euros.


En canto á programación dirixida en exclusiva a nenas e nenos, hai que dicir que comprende as actividades de Aula Aberta e de Música é movemento, que se desenvolverán na Casa da Cultura. A primeira delas, Aula Aberta, é un espazo pensado para realizar actividades variadas como contacontos ou manualidades e terá lugar os xoves de 17:00 a 19:00 horas. O custo é de 5 euros. Música é movemento, pola súa banda, permítelle á cativada educar o ritmo a través do baile moderno. Ten un custo de 12 euros por dúas horas semanais.



0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page