Xunta e Concello de Boimorto presentan as obras de reforma do centro de saúde desta localidade
- Laura Moure
- 8 feb 2023
- 2 Min. de lectura
O delegado territorial da Xunta na Coruña e a xerente da área sanitaria explicaron coa alcaldesa as obras previstas na cuberta, na sala de espera, na área de pediatría e no acceso do centro
Laura Moure/Boimorto
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, acompañados pola alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, presentaron as obras de reforma do centro de saúde de Boimorto. As obras comezarán neste mes de febreiro

O orzamento previsto é de case 50.000 euros e é froito dun convenio entre Xunta e Goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal. Pola súa parte, o Concello será o encargado de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para a execución das obras, licitación e execución das mesmas.
As obras consistirán na renovación da tella da cuberta, na reforma da sala de espera, da zona de pediatría e da sala de persoal, tamén levarase a cabo a creación dun tabique divisorio para independizar as caldeiras do centro de saúde e do centro de maiores e a ampliación da rampla de acceso ao centro.
Este centro de saúde xa fora obxecto doutras obras no ano 2018 tamén a través de convenio de colaboración e nas que se investiron un total de case 40.000 euros para a mellora da estanqueidade, accesibilidade e seguridade do centro de saúde.
Colaboración cos Concellos
A Xunta continúa colaborando cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Así, desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.
No orzamento para o 2023 a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,6 millóns de euros a partida –un 8%-. En particular, o Concello de Boimorto recibiu no 2022 a cantidade de 7.271 euros para financiar o mantemento desta instalación sanitaria. Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2017 máis de 15 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal.
Comments