A actuación contará cun investimento de case 285.000 euros
Laura Moure/Boimorto
O Goberno galego autorizou este luns a sinatura do convenio co Concello de Boimorto para executar as obras de humanización da rúa da Sobreira e da Gándara, no lugar de Vilanova, que suporán un investimento de case 285.000 euros. A Xunta, a través desta cooperación da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, achegará o 70 % do orzamento desta intervención, con preto de 199.000 euros, contratará e executará as obras. Pola súa banda, o Concello de Boimorto asumirá o 30 % restante do custo das obras, algo máis de 85.000 euros; así como a redacción do proxecto das obras, a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, e incorporar ao patrimonio público municipal as actuacións que se leven a cabo.
A través deste convenio, ao abeiro do chamado Plan Hurbe impulsado polo Goberno galego co fin de axudar as administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, preténdese mellorar a mobilidade da poboación do municipio coruñés.
Publicidade
A intervención obxecto da colaboración autorizada hoxe no Consello da Xunta consiste na execución de beirarrúas en ambas as marxes da rúa Sobreira, logo de ampliación do viario existente; e na execución de 42 metros lineais de beirarrúa de 1,80 m de ancho na Gándara. En concreto, na rúa Sobreira, proxéctase habilitar beirarrúas que contarán cunha lonxitude duns 175 metros na marxe esquerda, e duns 120 metros pola marxe dereita e disporán dun ancho libre de paso de 1,80 metros.
A execución das beirarrúas suporá a ampliación do ancho do viario e nas zonas verdes das novas beirarrúas prevese a plantación dun total de 11 magnolios con cepellón.
Comentarios