Veciñanza denuncia a instalación dunha antena de telefonía na área fluvial de Vilar das Donas, en Palas
- ecosdacomarca

- hace 1 hora
- 2 Min. de lectura
A Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar das Donas Os Lobos acaba de remitirlle unha carta ao alcalde do municipio para expresar o seu malestar por isto
Ecos da Comarca/Palas de Rei
A Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar das Donas “Os Lobos” de Palas de Rei veñen de remitir unha carta ao alcalde deste municipio, Pablo Taboada, para trasladarlle a súa preocupación pola instalación dunha antena de telefonía móbil na área fluvial desta parroquia palense. Ademais, están a difundir información entre a veciñanza ante o que consideran unha falta de comunicación institucional.

Segundo explican, hai unhas semanas colocouse unha primeira antena, aparentemente provisional, no acceso á área desde a estrada LUP-4005 (Ferradal–Vilar das Donas). Porén, nos últimos días observaron a instalación dunha segunda infraestrutura de maior tamaño, xa de carácter fixo, situada a carón do edificio de servizos e no propio espazo de lecer.
Os residentes amosan o seu malestar pola colocación desta torre de telecomunicacións nun enclave público frecuentado e moi próximo á aldea do Ferradal. Aseguran que, aínda que comparten a necesidade de mellorar a cobertura móbil en zonas rurais, non están de acordo co procedemento seguido nin coa localización escollida.
PUBLICIDADE
Entre as principais críticas, destacan a falta de información previa á veciñanza sobre o proxecto, as súas características e o posible impacto. Tamén cuestionan a elección dunha área recreativa que, lembran, foi recentemente acondicionada cun investimento superior aos 100.000 euros.
Ademais, sinalan que existen alternativas viables para a instalación da antena que permitirían prestar o mesmo servizo sen afectar a un espazo público de lecer nin situarse tan preto de núcleos habitados.
PUBLICIDADE
Baixo o lema “Dar servizo si, pero con sentidiño”, os veciños solicitan a paralización inmediata das obras e o traslado da infraestrutura a unha localización máis axeitada. Así mesmo, animan á cidadanía a informarse e a expresar o seu rexeitamento á actual instalación.








Comentarios