Uxía Souto Martínez, alumna de 6º de Primaria, gaña o XXIII Concurso de Postais de Nadal do Pino
- Laura Moure

- hace 1 día
- 2 Min. de lectura
O certame contou coa participación do alumnado do CPI Camiño de Santiago en distintas etapas educativas, desde Infantil ata Secundaria
Laura Moure/O Pino
O Concello do Pino vén de resolver o XXIII Concurso de Postais de Nadal, unha iniciativa xa consolidada que cada ano promove a creatividade e a participación do alumnado do municipio arredor destas datas tan sinaladas. O certame contou coa implicación do CPI Camiño de Santiago e coa valoración dun xurado formado por Ana Vigo Castromil, animadora sociocultural; David Castiñeiras Becerra, animador deportivo; e Mª Cruz Toande Ramos, educadora familiar.

A postal seleccionada como felicitación institucional do Concello, que se enviará aos domicilios, foi a realizada por Uxía Souto Martínez, alumna de 6º de Educación Primaria. O
xurado destacou a detallada representación da Casa do Concello e dos elementos que a
rodean, así como o coidado e a pulcritude do debuxo. A escena inclúe a figura do Grinch
roubando o galo piñeiro, un dos símbolos máis recoñecibles do Pino, ao que o concello
dedica a súa festa máis importante e que conta cunha estatua situada diante da casa
consistorial, un detalle que achega un toque lúdico e identitario á postal.
No resto das categorías, o premio en Educación Infantil foi para a aula de 5º de Infantil do
CPI Camiño de Santiago, cun traballo no que se valorou o colorido, a luz e a capacidade
para representar o concello. No primeiro ciclo de Educación Primaria resultou gañadora
Noa Caneda Barreiro, alumna de 2º curso, pola orixinalidade da proposta e pola sensación
de tenrura que transmite.
Publicidade
No segundo ciclo de Primaria o premio recaeu en Lara Rodeiro Barreiro, de 4º curso, nunha
postal que fai referencia ás distintas parroquias do municipio e integra os elementos
gráficos nunha única composición. No terceiro ciclo de Primaria recoñeceuse o traballo de
Uxía Souto Martínez, mentres que na categoría de Educación Secundaria o premio foi para
Carla Suárez Furelos, alumna de 2º da ESO.
Publicidade
As postais premiadas ofrecen unha visión do Nadal vencellada ao territorio, á identidade
local e ao propio Concello do Pino. Os premios, consistentes en libros e material
educativo, entregaranse o día da Cabalgata de Reis, o vindeiro 5 de xaneiro, no pavillón de
Reboredo.








Comentarios