top of page

Un rabaño de ovellas: protagonista das lendas da orixe da capela de San Xoán de Navas, en Arzúa

Laura Moure/IsmaelRS/Arzúa

Xunto á capela de San Xoán de Navas, na parroquia de Pantiñobre (Arzúa), unha fonte emana a súa agua. Para os menos pudorosos, ou naqueles tempos onde a Covid-19 non existía, adoita haber unha cunca para aqueles que desexen beber. “Esta agua é moi boa que bota igual en agosto, porque estas son terras de moitas augas”, relata Manuel Iglesias Pampín, que recorda cando viña cas vacas para os prados da contorna. Hai uns 30 anos cando se canalizou esa fonte natural que presenta a actual construción. Iglesias lembra tamén a lenda que envolve a este santuario, vencellada cunha perda de ovellas, aínda que non recorda con exactitude como era.

Na páxina web do Concello de Arzúa recóllese esta historia que fala das orixes da capela á que completa esta fonte. A súa orixe remóntase ao ano 1804. Conta que foi construída por orde dunha pastora de Bustelo, que perdera o seu rabaño de ovellas durante unha grande treboada de lóstregos e saraiba. Prometeu que se os animais aparecían, levantaría unha capela na honra a San Xoán Bautista. As súas pregarias deron resultado e alí, onde encontrou ao rabaño, construíu esta edificación.


Sen embargo, por outro lado, cóntase que esta pastora foi sorprendida por gran tempestade e implorou a axuda de San Xoán Bautista. As ovellas acubilláronse ao seu redor e alí onde elas estaban non caían nin choiva, nin tempestade nin lóstregos. Cando a treboada remitiu, a pastora viu que os animais estaban todos con elas e todos enxoitos. Foi entón, cando mandou construír a capela.


A súa arquitectura

Tal e como se recolle no manual Arquitectura da provincia da Coruña. Arzúa, Boimorto, O Pino e Touro, dos autores José Ramón Soraluce Blond e Xosé Fernández Fernández, caracteriza a singular edificación a súa planta basilical cunha soa nave e unha ábsida rectangular. O presbítero comunica coa nave mediante un arco triunfal de medio punto. Debido á peculiaridade da construción e ao seu uso esporádico non presenta sancristía. A ábsida, rectangular ao exterior, ten a mesma altura que o resto dos muros da nave, aínda que se significa en planta, ao posuír unhas menores dimensións.

A característica máis preponderante desta edificación é o pórtico da fachada oeste. É un pórtico aberto por tres dos seus catro lados que servía para acubillas aos romeiros das inclemencias da climatoloxía e tamén como altar exterior.


O material empregado é a cachotería e a cantería irregular. Pezas isométricas aparecen nas xambas e no lintel da porta principal. A cuberta, de tella curva do país, faino a tres augas a imitación das construcións populares coas que garda unha gran semellanza.

NOTICIA RELACIONADA:

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page