Un home falece ao caerlle un piñeiro enriba cando o tallaba
- ecosdacomarca

- hace 1 día
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
Un home falece no Porriño ao caerlle un piñeiro enriba cando o tallaba. O home tallaba a árbore que estaba a piques de caer a unha finca da súa propiedade.
Un familiar da vítima foi quen, ao fío das cinco desta tarde, chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Solicitaba asistencia sanitaria para o seu familiar, ao que lle caera un piñeiro enriba no lugar de O Casal, en San Salvador de Budiño, no concello do Porriño.

Ata o lugar desprazouse de inmediato o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que tan só puido confirmar o falecemento da persoa. A Garda Civil, a Policía Local e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade tamén foron informados polo 112 Galicia nada máis recibir a chamada de alerta.
Non foi o único suceso da tarde. Tamén como informa o 112 Galicia. Un home resultou ferido tras precipitarse por un desnivel co tractor que conducía en A Lama. O ferido puido saír polos seus propios medios do interior do vehículo.
Publicidade
O 112 Galicia tivo constancia do suceso pasados dez minutos das catro desta tarde. Unha persoa particular relataba que a súa veciña vira desde a súa fiestra como un tractor caera por un desnivel, na PO-255, quilómetro 1, en Gaxate, no concello pontevedrés de A Lama.
Nada máis recibir o aviso, os xestores do 112 pasaron aviso de inmediato ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia e aos Bombeiros de Baixo Miño. Do mesmo xeito informaron á Garda Civil de Tráfico e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Mancomunidade Oitaven-Tea.
O persoal sanitario comunicou ao 112 Galicia que se desprazaba ata o lugar o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela, que tomou terra na Capela de Muíños á espera de que recolleran ao equipo médico para trasladalos ata o punto onde se atopaba o ferido. Por fortuna, a vítima puido saír polos seus medios do interior da máquina agrícola e subir el só polo desnivel, o seu estado non parecía revestir gravidade. Así o comunicaron os efectivos de Protección Civil. Igualmente indicaron que o vehículo, tras precipitarse, chocara contra un carballo. Non foi precisa a intervención dos servizos de emerxencias alí desprazados para estabilizalo.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Operario ferido en Teo
O varón resultou ferido logo de caer desde unha guindastre. Tras ser informados polo persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ás 15:30 horas, o 112 Galicia pasou aviso á Garda Civil, á Policía Local e ao Servizo Municipal de Protección Civil da localidade.
Tamén, a esa hora, un particular contactaba co 112 Galicia para solicitar unha ambulancia para un traballador que fora golpeado tras caer dunha guindastre, na rúa de Clara Campoamor, en Cacheiras, na localidade coruñesa de Teo. Os efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil confirmaron o traslado do paciente polo persoal sanitario ao centro hospitalario de referencia.







Comentarios