top of page

Un día libre convertido en vida: un policía de Palas de Rei axuda a nacer a un bebé

Trátase de Marcos Vázquez natural da parroquia de San Cibrao da Repostería


Laura Moure/Palas de rei

O pasado luns, 27 de abril, quedará gravado para sempre na memoria de Marcos Vázquez. Natural da parroquia de San Cibrao da Repostería, no concello de Palas de Rei e veciño da Coruña desde hai máis de 13 anos por motivos laborais, este axente da Policía Nacional viviu unha xornada que transformou por completo a súa rutina… e tamén a súa vida.

Marcos Vázquez.
Marcos Vázquez.

Eran pouco máis das dez da mañá cando Marcos se atopaba no ximnasio, compartindo o seu tempo libre coa súa parella. Un día aparentemente normal que mudou nun instante ao recibir unha chamada tan inesperada como angustiosa. Do outro lado do teléfono, un antigo compañeiro de comisaría —destinado actualmente en Madrid— pedíalle axuda con urxencia: a súa muller estaba de parto, con fortes dores, sen poder moverse nin sequera chamar a unha ambulancia.


“Díxome que non podía máis e preguntoume se me podía achegar á súa casa”, lembra Marcos. Non houbo dúbida nin un segundo. Recolleron as súas cousas e saíron ás présas do ximnasio. Chamaron á ambulancia e avisaron tamén a outros compañeiros policiais por se era necesario facilitar o acceso á vivenda.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

Ao chegar ao edificio, os berros de dor xa se escoitaban desde o portal. A muller conseguiu abrirlles, e ambos subiron sen deterse. A tensión e a emoción mesturáronse nun instante que ninguén esquecerá. Seguindo as indicacións do 061, intentaron acompañala mentres a ambulancia se aproximaba. Pero o bebé non quixo agardar.

“Choramos os tres, tirados no baño, e eu coma se fora o pai”, confesa Marcos, aínda emocionado ao lembrar o momento. Coa chegada do pequeno, improvisaron os primeiros coidados: tapárono cunha toalla, aseguraron as vías respiratorias e deixárono, finalmente, no colo da súa nai.


Pouco despois das dez e media, os servizos sanitarios chegaron ao domicilio e trasladaron á nai e ao recén nacido, o pequeno Jorge, ao Hospital Materno Infantil da Coruña. Un día libre convertido nun acto de humanidade. Un deses momentos que, sen buscalos, marcan unha vida para sempre. 

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Cómpre salientar que non é a primeira vez que Marcos Vázquez protagoniza unha historia deste tipo, pois xa ten sido noticia anteriormente por outras intervencións destacadas. No ano 2021 este axente de Palas, fóra de servizo, inteceptou un coche do que vio saír un cuchillo e do que unha muller quixo arroxarse en marcha por medo ao seu agresor evitando así unha agresión machista. E no 2022 coa axuda dun compañeiro evitaron que unha moza se tirase dunha ponte na Coruña. 


Un deses servidores públicos que non precisan uniforme para demostrar quen son, Marcos Vázquez segue escribindo historias que van máis alá do deber: historias de humanidade, compromiso e vida. Porque ás veces, o verdadeiro heroísmo non está nos grandes xestos, senón en estar no lugar axeitado, no momento preciso, e decidir axudar. 



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page