top of page

Ulloa Viva anima en Santiso a participar na manifestación do 15D “para defendernos como pobo da imposición de Altri”

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Centos de persoas participaron en Visantoña na “Romaría Viva” organizada por Santiso Vivo


Laura Moure/Santiso

O Colectivo Santiso Vivo da Plataforma Ulloa Viva celebrou onte no pavillón de Visantoña unha “Romaría Viva” durante todo o día na que participaron centos de persoas. A presidenta da Plataforma, Marta Gontá, fixo un chamamento a participar masivamente na “histórica manifestación” convocada por Ulloa Viva e a PDRA o vindeiro 15 de decembro en Compostela. Gontá explicou hoxe en Visantoña que “unidos como pobo pararemos a macrocelulosa coa que Altri -Greenalia e a Xunta de Galicia queren forzarnos a cambiar o noso modo de vida”.


Nun dos concellos máis afectados polo proxecto de Altri-Greenalia, Santiso, polo que a multinacional portuguesa plantexa pasar as tubaxes da captación de 46 millóns de litros de auga ao día desde o encoro de Portodemouros --12,5 quilómetros-- ata Palas de Rei, Marta Gontá chamou á “unidade como pobo” diante dun proxecto “que ningún queremos e que pretenden impoñelo pola forza”.

Destacou que son 381 as fincas afectadas pola captación de auga que quere Altri “e nin sequera nos pediron a nosa opinión como veciños e propietarios”. A presidenta da Plataforma animou tamén á veciñanza a alegar contra os requerimentos que a Xunta está mandando ás veciñas e veciños negándolles a condición de persoas interesadas na tramitación. “Non nos van a calar, non poden calar a todo un pobo”. Destacou o traballo que dentro da Plataforma Ulloa Viva levan feito todos os concellos directamente afectados na Ulloa, Deza, Terra de Melide e Arzúa nestes últimos dez meses, “non imos parar ata que a ameaza de Altri deixe de poñer en risco o noso territorio, as nosa economía, a nosa calidade de vida, o noso futuro e a nosa saúde”.


Impacto hidrolóxico

Na charla de onte en Visantoña participou o xeógrafo da Universidade de Santiago e experto en hidroloxía Horacio García, coautor dun dos informes do Consello da Cultura Galega sobre o impacto do proxecto de Altri. Horacio García alertou de que o proxecto presentado por Altri que está a tramitar a Xunta de Galicia “non alcanza o rigor suficiente e está orientado a esquivar o trámite ambiental”. O xeógrafo, que analizou o Estudo de Impacto Ambiental presentado no Proxecto Gama, fixo fincapé coma experto na “parcialidade dos datos empregados” para a súa elaboración “ignora toda integridade ecolóxica, ambiental e social do territorio”, asegurou.


Fronte aos anuncios da empresa estes días na prensa asegurando que a macrocelulosa non provocaría dano algún no Ulla e na Ría de Arousa, o xeógrafo Horacio García falou en Visantoña hoxe dos “intereses e necesidades” que hai detrás do proxecto, e destacou que as necesidades de auga de Altri son “unha realidade incómoda” para a empresa. Tamén afirmou que a macrocelulosa de Altri-Greenalia “sen dúbida afectará á Ría de Arousa”. Explicou neste senso que “o problema é que moitos impactos non son inmediatos. Poden tardar anos ou décadas en detectarse, pero paseniñamente chegan".


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

De feito o xeógrafo sinalou que no estudo elaborado por Altri, "as masas de auga (río, encoro) foron abordadas individualmente e non baixo o principio de continuidade fluvial, co que non se teñen en conta as potenciais repercusións físico- químicas, ecolóxicas e socioeconómicas encadeadas" en todas as masas de auga afectadas. Aludiu tamén en Santiso (un dos concellos afectado polo encoro de Portodemouros) a que no caso de instalarse Altri, “dado que a instalación da industria está supeditada ao encoro de Portodemouros --cuxo período de concesión remata o 1 de xaneiro de 2061-- enténdese que isto suporía a renovación da súa concesión por un mínimo de aproximadamente 50 anos máis".


A xornada comezou cunha andaina de 8 quilómetros ata o encoro de Portodemouros. A sesión vermú e animación coas regueifas de Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Manolo Maseda precederon a un xantar popular multitudinario, previo á charla informativa que se celebrou ás oito da tarde coa participación do xeógrafo Horacio García (coautor dun dos informes sobre o Proxecto Gama elaborado polo Consello da Cultura Galega) e Marta Gontá, presidenta da Plataforma Ulloa Viva. A xornada rematou cunha verbena a cargo de Loita Amada e Tiruleque.



ECOS DA COMARCA sacaremos vídeo nos vindeiros días.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page