Ulloa Viva accede aos datos que deixaron a Altri-Smarttia fóra do PERTE da descarbonización
- ecosdacomarca

- hace 8 minutos
- 4 Min. de lectura
O Consello de Transparencia dá a razón á Plataforma diante da negativa do Ministerio de Industria a facilitar o expediente
Ecos da Comarca/A Ulloa
A Plataforma Ulloa Viva vén de recibir comunicación do Consello de Transparencia e Bo Goberno (CTGB) na que desestima a negativa do Ministerio de Industria, do pasado mes de maio, a facilitar o informe de avaliación relacionado coa resolución provisional da convocatoria do PERTE da Descarbonización do que quedou fóra a macrocelulosa de Greenfiber (Altri-Smarttia). Ulloa Viva solicitara esa información ao Ministerio no mes de abril, logo de anunciarse que Altri non acadara a puntuación para acceder a 30 millóns de euros de cartos públicos dese PERTE. A Secretaría Xeral de Industria denegou á plataforma o expediente en maio e, logo de recorrer a negativa diante do CTBG, este mes de outubro estimouse a reclamación, obrigando ao Ministerio de Industria a facilitarlle a Ulloa Viva o expediente de avaliación da macrocelulosa de Altri neste PERTE.
Á vista do informe que lle remitiu o Ministerio de Industria, a Plataforma entende que confirma “as trampas” que tentou usar a empresa na presentación do proxecto ao PERTE. Aínda que Altri-Smarttia centrou en abril a súa exclusión do PERTE nunha cuestión de prazos, "o informe de avaliación do Ministerio sinala as eivas polas que o proxecto da macrocelulosa non acadou a puntuación suficiente e, ademais, nen sequera cumpriría os requisitos esixidos na convocatoria” . Segundo sinala o informe “o expediente non cumpre o criterio relativo á elixibilidade do proxecto tractor e o criterio relativo á avaliación das emisións de gases de efecto invernadoiro evitadas con respecto ás mellores técnicas dispoñibles no sector e outras melloras ambientais”.

Combustibles fósiles e referencias incorrectas
Polo miúdo, o Ministerio de Industria sinala no informe de avaliación que “na páxina 81 da memoria do proxecto tractor indican que o forno de cal vaise alimentar parcialmente con gas natural durante o primeiro ano”, cando segundo di Industria “de acordo co artigo 10.1 só se admite o consumo de combustibles fósiles para arranque da instalación, equipos de emerxencia ou similares”.
Ademais, o informe advirte que o cálculo das emisións evitadas realizado por Altri- Smarttia “contravén o artigo 18 da Orde ITU/831/2024, de 2 de agosto”. Nesta normativa establécese que “as emisións de gases de efecto invernadoiro evitadas polo proxecto calcularanse como diferencia entre as emisións directas de gases de efecto invernadoiro dunha instalación industrial na que se fabriquen os mesmos produtos e coa mesma capacidade produtiva que a nova instalación” e tamén as emisións directas de gases de efecto invernadoiro da nova instalación industrial.
Publicidade
Porén, no caso de Altri o expediente recolle que “o solicitante incluíu emisións indirectas, de alcance 3, é dicir emisións producidas pola síntese química do poliéster e fabricación de algodón”. Tamén argumenta o informe que no caso de Altri “para a parte da fabricación de pasta de papel, segundo o artigo 18.2 da Orde ITU/831/2024, de 2 de agosto, debería utilizar o parámetro de referencia de asignación gratuíta do produto pasta kraft de fibra corta”. Aínda cos parámetros incorrectos empregados por Altri, o informe recolle que cunha produción no primeiro ano de 255.000 toneladas, “as emisións directas proxectadas da nova instalación asociadas á produción de DWP (polpa de madeira) serán de 13.524 toneladas de CO2 equivalentes”. Ao usar unha referencia incorrecta nos seus cálculos, conclúe o Ministerio que “as emisións directas de gases de efecto invernadoiro evitadas son 9.681 toneladas de CO2 equivalentes para esta liña” pero destaca o feito de que a empresa na súa memoria “non tivera en conta as emisións directas de gases de efecto invernadoiro evitadas asociadas á produción de Lyocell”.
Na motivación da exclusión de Altri do PERTE fala tamén o informe de que “para a xustificación do aforro de auga o solicitante incluíu os impactos augas arriba na cadea de valor de referencia” o que segundo o Ministerio novamente “contravén o artigo 19 da Orde ITU/831/2024, de 2 de agosto, que establece que a referencia debe ser unha instalación industrial coa mesma capacidade na que se utilizan as mellores técnicas dispoñibles do sector ou a tecnoloxía amplamente dispoñible máis respectuosa co medio ambiente”.
A Plataforma seguirá “quitando a careta” ao proxecto
O informe ao que finalmente accedeu a Plataforma pese á negativa inicial do Ministerio de Industria “non fai máis que confirmar que estamos diante dun proxecto que non é bio nin eco senón simplemente unha macrocelulosa contaminante que Altri-Smarttia quere implantar en Palas de Rei para que uns poucos gañen cartos mentres acaban co noso modo de vida e a saúde e o benestar de toda a poboación”.
A voceira de Ulloa Viva, Marta Gontá, advertiu a Altri-Smarttia e á Xunta de Galicia que “a Plataforma vai a seguir quitándolle a careta ao proxecto que tanto defenden contra o sentir maioritario da sociedade galega”. Gontá emprazou ao goberno galego a “revisar a documentación técnica, onde poden comprobar que a Xunta é o único aval que ten esta macrocelulosa”, fronte aos criterios científicos que situaron este proxecto “como o segundo peor nesa convocatoria do PERTE da descarbonización”. O proxecto de Altri obtivo no proceso unha puntuación de 24,39 puntos, a segunda peor, lonxe dos 40 puntos que acadaron os 5 proxectos elixidos.
Publicidade
Tamén lembra a Plataforma que a empresa “mente por sistema”, xa que logo de coñecer a resolución provisional do PERTE anunciou en abril que presentaría alegacións contra todas estas “pexas” que lle puxo o Ministerio de Industria ao proxecto “e no mes de xuño soubemos coa resolución definitiva que Altri desistira”. Á vista do informe, Gontá sinalou que “enténdese perfectamente que non presentase alegacións, porque fixo trampas cos datos de referencia usados para pedir os cartos públicos”.
A Plataforma reitera á vista da documentación “que xa é hora de que Xunta e empresa recoñezan os feitos, retiren o proxecto e pidan perdón á cidadanía por facernos e defendernos durante máis dun ano para rematar demostrando que “desde o principio tiñamos razón nós e todos os técnicos e informes que avalan desde hai meses que este é un proxecto malo para a Ulloa e malo para Galicia”, asegurou Gontá.








Comentarios