UCIN Galicia denuncia a situación crítica nas residencias de maiores
- ecosdacomarca

- 3 oct
- 2 Min. de lectura
E esixe responsabilidades á Xunta de Galicia
Ecos da Comarca/Xeral
UCIN Galicia, a través do seu Coordinador, José Luis Calo, denuncia publicamente "a grave situación que se está a vivir nas residencias de maiores en Galicia. A Xunta de
Galicia, presidida por Alfonso Rueda, está a permitir e mesmo fomentar o ingreso de
persoas con enfermidades psiquiátricas graves nestes centros, sen garantir a presenza de
persoal cualificado nin os recursos necesarios para un coidado axeitado".
“É inaceptable que se estean ingresando en residencias de maiores a persoas con trastornos mentais graves, sen apoio profesional específico. Isto supón unha ameaza para a convivencia e unha sobrecarga insostible para o persoal”, sinala José Luis Calo.

“Estamos falando de centros que, na súa maioría, non dispoñen de persoal sanitario especializado, nin de protocolos adaptados para tratar este tipo de situacións. As traballadoras están ao límite e os maiores sofren as consecuencias dunha mala xestión por parte da Xunta”, engade.
"A realidade nas residencias: precariedade, falta de persoal e contratos indignos"
UCIN Galicia denuncia que moitas das residencias privadas —moitas delas concertadas pola Xunta— "funcionan baixo condicións laborais precarias, con escaseza de persoal,
salarios baixos e ausencia de formación especializada". “As residencias están saturadas, e o persoal non dá feito. Hai unha clara complicidade entre a Xunta e a patronal para manter un modelo baseado no aforro de custos a costa da calidade asistencial e dos dereitos laborais das traballadoras”, afirma Calo.
PUBLICIDADE

“É inxusto que as familias teñan que pagar cantidades elevadas por servizos que non sempre garanten un trato digno, e moitas veces os nosos maiores non reciben a atención, nin o respecto, nin o cariño que merecen”, recalca o Coordinador de UCIN Galicia.
"Convenio digno e atención profesional: urxencias que a Xunta ignora"
UCIN Galicia tamén critica o bloqueo do convenio colectivo do sector, que mantén ás traballadoras nunha situación de absoluta indefensión laboral. “Non son escravas, son traballadoras que coidan da vida doutras persoas. Necesitamos un convenio digno, con condicións reais para prestar unha atención profesional e humana. A Xunta ten que deixar de mirar para outro lado e asumir a súa responsabilidade”, sentencia Calo.
PUBLICIDADE
UCIN Galicia pide un cambio político real
Desde UCIN Galicia faise un chamamento á cidadanía galega para que esixa un cambio
real nas políticas sociais da comunidade. “Aos que seguen apoiando os partidos que manteñen este sistema —PP, PSOE e BNG— pedímoslles reflexión. Galicia merece outra política: unha que poña ás persoas no centro. UCIN está aquí para ofrecer esa alternativa. Unha vida digna para os nosos maiores non é un luxo, é un dereito”, conclúe José Luis Calo.







Comentarios