top of page

Touro albergará o 28 de febreiro o XVII Festival Galego de Teatro Escolar de Touro

Participarán nesta xornada cultural máis de 100 actores e actrices de tres Aulas de Teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Touro, Palas de Rei e Teo)


Laura Moure/Touro

Este luns presentouse no Concello de Touro o XVII Festival Galego de Teatro Escolar de Touro que se celebrará o sábado, 28 de febreiro, no Pazo de Dioño, na parroquia de Cornado, e na Casa da Cultura de Touro. Este evento está organizado pola ANPA do CPI Fonte Díaz de Touro e conta coa colaboración do Concello de Touro, A Asociación Cultural A Pinguela de Bama e as Pandereteiras de Axóuxeres de Cornado. Na presentación participaron o alcalde desta vila, Jesús Reboredo González; a vogal de A Pinguela de Bama, Lupe Penas González; os integrantes das Pandereteiras de Axóuxeres de Cornado, María Isabel Chorén Maroño, Esteban Barral Camba e o director de teatro Afonso García Penas.


Participarán nesta xornada cultural máis de cen actores e actrices de tres Aulas de Teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Touro, Palas de Rei e Teo).

O programa deste Festival é o seguinte:

Haberá un roteiro teatral, musical e poético ás 10:00 horas na aldea e no Pazo de Dioño, que estará protagonizado por alumnado, familias e profesorado do CPI Fonte Díaz de Touro; polas Asociacións A Pinguela de Bama, as Pandereteiras de Axóuxeres de Cornado e pola veciñanza.


Este roteiro combinará música, teatro, poesía e xogos e persegue varios obxectivos: a aproximación do alumnado ao mundo rural e a súa posta en valor, a transmisión do tecido cultural das xeracións que nos precederon, a recreación do mundo da aldea e dramatización das historias vivenciadas pola veciñanza nos anos cincuenta e sesenta. Máis de cen actores e actrices de todas as idades, conflúen nun intercambio de forza e coñecemento xenuíno, con ilusión toman o papel e presentan o mellor que levan dentro; ata tres ou catro xeracións interactuando entre si coa natureza, a aldea e o espectador, talvez o único estraño, como testemuños.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Nunha contorna senlleira, o Pazo de Dioño, esperta este milagre posible de esperanza

e vida para a nosa raiceira exánime. No roteiro xúntanse e relaciónanse persoas de todas as xeracións, nunha convivencia e transmisión de saberes e experiencias extraordinarias. Un evento singular que une á xente e apega á terra, que busca converternos en dignos herdeiros de quen propiciou sermos o que somos, que busca podermos mirar aos ollos agradecidos a quen nos criou e aplaudirlles. O punto de partida será o propio Pazo de Dioño.


Ás 12:00 horas, na Casa de Cultura de Touro, a Aula de Teatro do CPI Fonte Díaz de Teatro, o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei e a Aula de Teatro do IES de Cacheiras porán en escena o espectáculo Modo Avión.


Trátase dunha viaxe cómica, sensíbel e hiperrealista pola vida diaria de adolescentes e adultos atrapados entre o caos, a tecnoloxía e o seu propio perfeccionismo. Cada escena é un espazo distinto onde se mesturan o humor, a retranca e a reflexión: dende o bulicio das redes sociais e os “trends” imposibles, ata o caos dun restaurante musical, os conflitos interpersoais no estilo Aquí non hai quen viva, as aventuras heroicas nun bosque máxico, as aulas desaxustadas e as pequenas grandes loitas persoais de quen intenta

atopar o seu sitio no mundo.


Entre bailes, xogos, monstros, lapis rebeldes e despertadores traidores, os personaxes descobren que a vida é imprevisible, que as prioridades cambian a cada instante, e que ás veces o único modo de sobrevivir é activar o modo avión: desconectar, improvisar, rir e aceptar que non todo sairá perfecto... e está ben así.

 Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Fai unha doazón para axudar ao xornalistmo independente. Gracias!
Fai unha doazón para axudar ao xornalistmo independente. Gracias!

Unha obra visualmente dinámica, musical, coral e profundamente humana, que celebra a imperfección, a creatividade e a capacidade de reinventarse cada día.


Este Festival permite que o alumnado das tres Aulas de teatro interactúe e propicia que amose conxuntamente o traballo realizado durante o Curso teatral que se desenvolve ao longo do curso académico 2025/26 nas tres localidades; ademais de integrar a persoas con diferentes capacidades, de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente nun obxectivo común: a posta en escena dunha obra teatral. Insírese dentro dunha xira de funcións que comezou o día 4 de febreiro no Teatro Principal de Ourense e continuará en Palas de Rei, Pisa, Boloña e Teo.


O teatro escolar constitúe, ademais, unha ferramenta pedagóxica de primeiro orde: favorece a expresión oral e corporal, a escoita activa, o traballo cooperativo e o pensamento crítico; converte o erro en oportunidade de aprendizaxe e promove a educación emocional. A través da creación escénica, o alumnado desenvolve competencias comunicativas e sociais que transcenden a aula, reforza a autoestima e aprende a habitar a diversidade como riqueza. Neste Festival, a inclusión non é un lema senón unha práctica: persoas con diferentes capacidades participan en igualdade de condicións, adaptando linguaxes, ritmos e espazos para que todas as voces conten e sexan escoitadas. O resultado é unha comunidade educativa máis cohesionada e aberta ao mundo.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page