top of page
Foto del escritorLaura Moure

Touro acolle do 9 ao 13 'A vila do Mañá', un proxecto para transformar a imaxe de Fonte Díaz

A iniciativa, que contará coa implicación da mocidade, intervirá no espazo urbano a través de grafitis nos muros das rúas de Touro que levan o nome de literatos galegos


Laura Moure/Touro

Touro albergará do 9 ao 13 de agosto A vila do Mañá, un proxecto educativo que pretende transformar a imaxe da vila de Fonte Díaz coa implicación da mocidade, a partir dos 10 anos. Traballando a literatura galega é o título que leva esta iniciativa que intervirá no espazo urbano de Fonte Díaz a través de grafitis nas paredes, muros e balados das rúas que levan o nome de literatos galegos: Rúa Castelao, Rúa Rosalía de Castro, Rúa Blanco Amor, Rúa Martín Codax, Rúa Eduardo Pondal, Rúa Ramón Cabanillas e Rúa Curros Enríquez.


Sandra González, creadora da Vila do Mañá e arquitecta do proxecto, presentou este luns en Fonte Díaz esta inciativa educativa que pretende que dende a mocidade, a veciñanza de Touro tome conciencia de todas as escalas do común: a arquitectura, o patrimonio, o urbanismo e a paisaxe. "A nosa intervención pretende que Galicia teña vilas, entre elas Fonte Díaz, máis sostibles e comprometidas!. A Vila do Mañá, que comezou a súa andaina no ano 2016 en Rianxo, vai dirixido a mozos e mozas a partir dos dez anos. "Queremos xerar nos participantes que nos acompñaen unha nova identidade", engadiu Sandra González, quen destacou a importancia de "ter o poder de transformar o espazo".


"O noso proxecto adáptase ás peculiaridades de cada vila e para o concello de Touro temos un proxecto propio onde os grafitis e a literatura galega serán protagonistas", apuntou González, quen estivo acompañada por Santiago Rojo, especialista en ecoloxía urbana. A Vila do Mañá conta coa colaboración de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia.

Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Cultura e Educación, Adela Iglesias, destacou a importancia que para o Concello de Touro supón que os máis novos "estén presentes de forma activa nos procesos de construción do espazo común". Ao seu xuízo, este proxecto permite "darlles as ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade dende a arte e a arquitectura, co fin de provocar neles unha nova mirada, ao tempo que se xeran vínculos de identidade cos ecos espazos nos que habitan".


A Vila do Mañá en Touro desenvolverase do 9 ao 13 de agosto en horario de mañá de 10:00 a 14:00 horas. O número de participantes previsto é 40. Os interesados en participar poderán inscribirse nos teléfonos 981 814 566 ou 981 504 029 o no correo cultura@concellodetouro.gal

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page