top of page

Touro acolle a presentación da Oficina Agraria Móbil, un servizo para facilitar trámites no rural

Esta iniciativa pioneira foi explicada polo presidente da Xunta quen aproveitou para asistir tamén á XIII Festa da Castaña desta localidade


Laura Moure/Touro

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe en Touro a Oficina Agraria Móbil, un servizo pioneiro de proximidade para facilitar a xestión de trámites no rural. Con esta iniciativa, Feijóo subliñou que a práctica totalidade das explotacións agropecuarias disporán a menos de 15 minutos dun punto no que poidan realizar as xestións administrativas e recibir formación e información arredor de todo o relacionado coa súa actividade.

Deste xeito, o titular da Xunta avanzou que a oficina, que contará con persoal para prestar os servizos tanto administrativos como técnicos e de veterinaria, anunciará con antelación as rutas a realizar co fin de que a cidadanía coñeza onde e cando vai estar localizada en cada momento. “Nela poderanse facer todas as xestións que se desenvolven habitualmente -trámites como os da PAC, xestión de axudas ou o acceso a cursos- en calquera das 68 oficinas agrarias comarcais repartidas por todo o territorio”, destacou, referíndose tamén á posta en valor desta rede, a través dun plan integral de reestruturación e optimización.

Nesa liña, o presidente sinalou que a Oficina Agraria Móbil será un elemento máis da rede de oficinas agrarias comarcais espalladas por todo o territorio galego, polo que todas as instalacións físicas actuais -recalcou- permanecerán abertas. Co obxectivo de prestar o mellor dos servizos, segundo engadiu, a Xunta está a traballar na optimización de infraestruturas e tecnoloxías nun total de 27 destas oficinas, buscando que recuperen o seu labor tradicional de asesoramento e referente no rural galego. Deste xeito, Núñez Feijóo puntualizou que o novo dispositivo móbil servirá para cubrir as necesidades xurdidas naqueles emprazamentos onde por mor das obras non se poida acceder ás oficinas agrarias comarcais físicas, a maiores do seu cometido principal de desprazarse aos lugares onde non existen este tipo de instalacións.

O presidente do Goberno galego aproveitou o acto para reeditar o compromiso da Xunta co rural; cun rural “competitivo, dinámico e vivo” que axude a fixar poboación, actividade e onde se garanta a remuda xeracional. Non en van, lembrou que máis de 4.000 mozos se incorporaron á actividade agraria na última década. Nesta liña, afirmou que a Administración autonómica seguirá apostando polo sector forestal e alimentario nos proxectos tractores a liderar a captación dos Fondos Next Generation. “Aprobamos unha Lei de recuperación da terra agraria; estamos a crear casas do maior e casas niño; estamos a impulsar o Plan de Atención a Domicilio; ampliando o servizo de banda ancha e fomentando o transporte á demanda”, engadiu, referíndose tamén á iniciativa de impostos cero no rural.

Así mesmo, trasladou a preocupación ante a escaldada da luz e o seu impacto directo no sector primario; así como a suba das materias primas. Ao respecto, urxiu novamente á aprobación da Lei de cadea alimentaria e que os prezos do leite se adecúen aos custos. “O leite non pode ser un produto reclamo”, di. Neste sentido, a Xunta xa reiterou ao Estado que actúe de acordo coas súas competencias para garantir uns prezos xustos para os agricultores e gandeiros. Cabe lembrar que o Goberno central non está tendo en conta as demandas de Galicia para asegurar que se cubran os custos de produción, especialmente no sector lácteo, e se asegure unha marxe de beneficio para os produtores.

Feijóo concluíu insistindo na oportunidade que os fondos europeos Next Generation supoñen para transformar en clave de futuro o rural galego, grazas a proxectos como: a biofábrica de produtos téxtiles de carácter sostible, que permite completar o ciclo da madeira na Comunidade, lanzando un produto sustentable e innovador ; o centro para a economía circular, enfocado ao aproveitamento de distintos residuos, incluído o excedente dos xurros; a iniciativa de recuperación integral e sostible do rural galego a través da posta en valor da terra, no marco da Lei de Recuperación da terra agraria, que permitirá mobilizar parcelas infrautilizada; ademais doutros proxectos ligados á investigación agraria, dixitalización do sector primario e mellora de regadío.


Visita pola feira

Ademais, Feijóo, en compañía do conselleiro de Medio Rural, José González, sumouse hoxe á XIII Festa da Castaña de Touro, unha cita que coincide coa tradicional feira do día 5 de Fonte Díaz e que serve para exaltar os produtos do outono. O presidente da Xunta saudou aos asistentes á feira, ata a que se achegou despois de presentar na praza Martín Códax a Oficina Agraria Móbil. Na XIII Festa da Castaña, ubicada diante da sede do Concello, o presidente da Xunta tamén probou as castañas e fotografiouse cos presentes que así llo solicitaron. O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, explicoulle a relevancia que ten a castaña no concello de Touro e indicou que a Festa da Castaña celébrase todos os anos neste tempo.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page