top of page

Suárez Quintanilla remarca a importancia da promoción e da educación da saúde oral na EFA Piñeiral

Ao redor da celebración do Día Internacional da Saúde, 7 de Abril, o centro de formación profesional de Arzúa acolle ó longo desta semana un programa de actividades coa saúde como protagonista


Laura Moure/Arzúa

O centro de formación profesional e promoción rural Efa Piñeiral de Arzúa está a desenvolver esta semana un programa de actividades con profesionais multidisciplinares que poñen o foco en diversos aspectos do coidado e promoción da saúde.

Este luns o presidente do Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos de A Coruña, José María Suárez Quintanilla, impartiu sendas formacións ós futuros educadores infantís e técnicos de auxiliar de enfermaría nas que incidiu na importancia de empregar intelixentemente o reforzo positivo na educación infantil sanitaria. “Debemos fomentar a autonomía dos cativos, os pais e educadores temos que asumir o noso rol de simples colaboradores” afirmou o doctor.


Suárez Quintanilla puxo o foco na importancia da comunicación verbal, pero sobre todo, da non verbal  tanto para educar como para tratar cos doentes, calquera que sexa a súa idade.

Onte tamén tivo lugar a campaña solidaria de doazón de sangue entre a comunidade educativa da Efa Piñeiral, e hoxe, martes, celebrarase o visionado e posterior debate do filme “Las Invisibles” en colaboración co CIM do Concello de Arzúa.


O mércores terá lugar o “Taller de toma de impresións dentais e baleirado en xeso” a cargo da auxiliar de enfermaría Noelia Mato no que participará o alumnado do ciclo de coidados auxiliares de enfermaría.

Xa para rematar o xoves 30 de marzo ás 13:00 horas celebrarase a conferencia "A saúde mental e os mozos" impartida por Celia Canedo, psiquiatra do CHUS. A relatora, a través dunha radiografía do estado de saúde deste colectivo, abordará entre outros aspectos a repercusión da pandemia especialmente nos mozos.


As actividades son de balde e contan con aforo limitado. Para máis información, pódense comunicar coa Efa Piñeiral no 667-505-657.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page