Software libre, educación e comunidade: esLibre26 arrinca en Melide con máis de 100 asistentes
- Laura Moure

- hace 2 horas
- 3 Min. de lectura
A primeira xornada estivo marcada por un enfoque claro na educación, accesibilidade e o papel do software libre nas institucións públicas, cunha ducia de charlas e varios talleres
Laura Moure/Melide
esLibre26 deu comezo este venres en Melide cunha apertura que puxo o foco no territorio, a comunidade e a cultura local, coa participación de máis de 100 asistentes. Na inauguración participou a gandeira e creadora de contido Lucía Casal, que reivindicou a importancia do rural e de construír proxectos dende aquí, subliñando tamén o valor de facer cousas en comunidade, de poñer en valor o propio lugar, destacando a idea de contribuír a algo positivo para o conxunto da comunidade. O acto inicial completouse cunha actuación de música tradicional a cargo de Miki e Román, dous músicos do pobo, que co tambor e a gaita deron a benvida ao encontro e reforzaron o vínculo do evento coa identidade cultural do territorio.

“Durante dous días, Melide énchese de xente que ama o software libre e o coñecemento aberto, ampliando unha comunidade que xa é moi forte”, comenta Rafael Gaioso, organizador do congreso e membro de MeLiSA, que destaca tamén que o encontro vai máis alá do ámbito técnico, xa que “non é só a parte de charlas ou talleres, senón tamén todo o que pasa fóra, nos espazos do pobo, onde a xente comparte”.
A primeira xornada estivo marcada por un enfoque claro na educación, accesibilidade e o papel do software libre nas institucións públicas, cunha ducia de charlas e varios talleres que reuniron a comunidade tecnolóxica e educativa arredor do coñecemento aberto. As máis de 100 persoas asistentes, moitas delas integrantes da comunidade do software libre, contribuíron a xerar un espazo de intercambio, aprendizaxe e colaboración ao longo de toda a xornada.
Entre os contidos destacados da mañá, a educación ocupou un lugar central, con iniciativas como eXeLearning, presentada por Cristina Valdera, ou propostas baseadas en plataformas abertas con intelixencia artificial, que exploraron novas formas de crear e compartir contidos formativos. Neste ámbito, tamén se puxo o foco nos Recursos Educativos Abertos (REA) e, durante a súa intervención, Ismail Ali Gago subliñou o potencial destas ferramentas para democratizar o acceso á aprendizaxe.
Un dos debates máis relevantes da xornada chegou da man de proxectos internacionais como FisIALab, procedente de Arxentina, no que Bibiana Boccolini puxo sobre a mesa o impacto da intelixencia artificial no ámbito educativo. A proposta destacou como a chegada abrupta destas tecnoloxías ás aulas está a xerar incerteza e respostas institucionais que oscilan entre a prohibición e o control. Fronte a este escenario, defendeuse a necesidade de repensar o deseño pedagóxico como unha práctica cultural aberta, na que compartir coñecemento e experiencias resulta clave para construír novos modelos educativos.
PUBLICIDADE
A accesibilidade foi outro dos eixes da xornada, cun taller impartido por Iván Novegil e Agustín Aguirre no que se abordou o papel do software libre como ferramenta para garantir o acceso universal á tecnoloxía, máis alá de cuestións técnicas, como unha cuestión de dereito á que todas as persoas deben poder acceder.
Por outra banda, o foco trasladouse ao ámbito institucional, con exemplos como a implantación de LibreOffice no goberno de México, que amosan como o software libre pode contribuír á soberanía tecnolóxica, á eficiencia e á independencia das administracións públicas.
Ademais, o encontro acolleu a XIII Xornada de Usuarios de R en Galicia, coa participación de especialistas da comunidade de análise de datos e do ecosistema do software libre, reforzando así a conexión entre o ámbito científico e as tecnoloxías abertas.
PUBLICIDADE
Máis alá das charlas, o encontro complétase cunha programación paralela que inclúe salas temáticas, espazos de exposición e outras actividades comunitarias, como un cantar comunitario patrocinado por Librebit, unha ruta pola vila guiada polo Museo da Terra de Melide e unha exposición fotográfica que poderá visitarse no CSC Mingos de Pita durante os días do esLibre.
Neste sentido, Gaioso puxo en valor o papel da comunidade local, sinalando que “isto non se fai co esforzo dunha soa persoa, senón que é un traballo colectivo no que todo o pobo se volcou”, e destacou o orgullo de acoller o congreso en Melide.
O congreso continuará hoxe cunha segunda xornada na que se espera a asistencia doutro centenar de persoas e na que a intelixencia artificial, a soberanía dixital e as infraestruturas abertas serán protagonistas.








Comentarios