top of page

Silleda solicita colaboración institucional e social para a recuperación do Castro de Toiriz tras o lume

Contactouse cun arqueólogo local e solicitouse apoio á Deputación e á Xunta para avaliar os danos


Laura Moure/Silleda

A raíz do incendio rexistrado o pasado xoves na parte superior do Castro de Toiriz, un espazo arqueolóxico de grande valor patrimonial que fora musealizado nos últimos anos, o Concello de Silleda activou unha serie de actuacións co obxectivo de avaliar e recuperar os danos ocasionados polas lapas, que afectaron, a priori, tan so a elementos de iluminación e outros compoñentes da infraestrutura instalada no seu día pola Deputación de Pontevedra.


Tal e como anunciara o goberno local, este luns, ademais da revisión visual inicial da zona, que determinou que non houbo danos de consideración, nin sequera no mobiliario, contactouse cun arqueólogo local para realizar unha primeira valoración técnica da área afectada, co obxectivo de determinar os seguintes pasos a dar para a recuperación do enclave.

Paralelamente, o Concello informou formalmente á Deputación de Pontevedra e á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia sobre o acontecido, trasladando a situación derivada do incendio e solicitando a súa colaboración para contar co apoio técnico necesario. O obxectivo é avanzar de forma coordinada na avaliación dos danos e na recuperación do enclave con todas as garantías patrimoniais.


Ademais, dende o goberno local, e seguindo as indicacións técnicas, faise un chamamento á cidadanía para que non acceda ao castro nestes días, co fin de evitar que as pisadas poidan empeorar a estratigrafía pola erosión posterior ao lume e afectar á conservación do terreo.

Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

“A intervención neste espazo require agora prudencia, coordinación e rigor técnico. Pedimos á veciñanza que non suba ao castro nestes días e agradecemos por adiantado a colaboración das administracións implicadas, para poder recuperar canto antes este enclave patrimonial que forma parte da nosa identidade colectiva”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández Pena.


Desde o Concello destacan que é fundamental actuar con responsabilidade para garantir a recuperación do espazo nas mellores condicións e coa máxima protección posible ao patrimonio. Unha vez realizadas as visitas técnicas e os informes correspondentes, valorarase o alcance das actuacións necesarias para a restauración do enclave.


Campaña de participación cidadá

Ademais destas primeiras actuacións, o goberno anuncia que no caso de que as administracións competentes autoricen o resembrado da zona afectada polo incendio, poñerase en marcha unha campaña de participación cidadá coa finalidade de implicar á veciñanza na recuperación ambiental do Castro de Toiriz, con accións realizadas baixo supervisión técnica, en coordinación coas indicacións que marquen os informes arqueolóxicos e ambientais.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

“Queremos que todas aquelas persoas que o desexen poidan colaborar na recuperación ambiental do castro, como forma simbólica de devolverlle parte do que este espazo representa para o municipio” di a alcaldesa, ao anunciar esta iniciativa que busca ofrecer a oportunidade de colaborar de maneira activa na rexeneración dun espazo que forma parte da identidade colectiva do municipio


Unha vez que se dispoña da autorización e dos informes técnicos definitivos, anunciarase o calendario e as condicións para participar na campaña, coa vontade de facilitar unha ampla colaboración veciñal.

Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page