top of page

Silleda pecha 2025 con superávit, máis de 1 millón de remanente e mellora a súa posición económica

Presentará ao pleno ordinario do vindeiro venres 27 un plan económico para garantir o cumprimento da regra de gasto derivado do préstamo para a reparación de pistas


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda pechou o exercicio 2025 cun superávit de 425.931,80 euros e un remanente de tesourería para gastos xerais de 1.008.048,68 euros, segundo a liquidación do orzamento da que se dará conta no próximo pleno da corporación. Os datos supoñen unha mellora significativa respecto ao exercicio anterior. En 2024, o remanente situárase en pouco máis de 113.000 euros, polo que o Concello multiplica por nove a súa capacidade de aforro, ao regularizar o desfase nos prazos de pagamento por parte doutras administracións.

Segundo a alcaldesa e responsable de Facenda, Paula Fernández Pena, este incremento débese en boa medida á recuperación de ingresos pendentes doutras administracións, que se materializaron ao longo do exercicio. “Eses ingresos finalmente producíronse, reforzando a situación económica do Concello”, sinala.


Precisamente estes ingresos permiten, tal e como se recolle na liquidación, que o Concello cumpra co principio de estabilidade orzamentaria, ao rexistrar ingresos suficientes para financiar os gastos, mantendo ademais unha situación de liquidez que lle permite atender as súas obrigas e continuar coa execución de investimentos.


A alcaldesa destaca que “a liquidación confirma unha situación de estabilidade, con capacidade económica e sen problemas estruturais nas contas municipais”. A pesar destes datos positivos, o Concello deberá aprobar un Plan Económico Financeiro ao rexistrarse un incumprimento da regra de gasto, unha obriga establecida pola normativa estatal.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Desde o executivo local indícase que este incumprimento ten carácter puntual e está vinculado, principalmente, ao préstamo de 1,75 millóns de euros aprobado pola corporación para a execución do plan de mellora de pistas municipais 2025.


Debido aos atrasos burocráticos na contratacións —como a obtención de informes sectoriais— e as inclemencias do tempo, mais do 50% do importe do crédito non se puido executarse no pasado exercicio, o que provoca que no ano 2026 o gasto aumente respecto ao 2025, e en consecuencia, se supere a regra de gasto, unha norma que limita o incremento do gasto dun exercicio a outro.


“Debido a atrasos administrativos e tamén ao mal tempo, máis da metade das obras non se puideron facer o ano pasado e vanse executar neste ano. Isto fai que en 2026 se gaste bastante máis ca en 2025 e, por iso, se supere a regra de gasto, que basicamente limita que un Concello poida gastar moito máis dun ano para outro”, explica a alcaldesa.


"Cómpre salientar o carácter excepcional desta situación, xa que non é habitual cumprir co principio de estabilidade orzamentaria cando non se cumpre a regra de gasto, ao tratarse de magnitudes que adoitan evolucionar de maneira paralela. Por iso, o feito de que o Concello de Silleda presente superávit e remanente positivo a pesar deste incumprimento puntual evidencia que estamos ante unha situación excepcional, puntual e plenamente subsanable. O normal é que, cando se supera esa regra, tamén haxa problemas nas contas. Neste caso non é así: o Concello ten superávit e remanente, polo que estamos ante unha situación puntual que se vai corrixir”, engade Fernández Pena


O Plan Económico Financeiro que se levará a pleno responde, pois, a unha esixencia legal e, segundo a alcaldesa, “non implicará recortes nin cambios nos servizos”.


 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar con nós!
Preme na imaxe para contactar con nós!

O documento será sometido a aprobación no pleno e posteriormente remitido ás administracións competentes, en cumprimento das obrigas de control e estabilidade orzamentaria. “Fomos capaces de manter o equilibrio das contas ao tempo que

executabamos investimentos relevantes, algo que non é doado e que demostra

que detrás destes datos hai planificación, control e responsabilidade na xestión

dos recursos públicos”, engade.


En canto ao destino do remanente, o goberno local lembra que, tal e como se acordou no momento da aprobación por unanimidade da operación de crédito, unha parte importante —500.000 euros— destinarase á amortización dos préstamos, priorizando así a redución da débeda municipal.


O resto do remanente non se incorporará a novo gasto, co obxectivo de mellorar o cumprimento da regra de gasto e reforzar a posición financeira do Concello. Neste sentido, desde o goberno local indícase que “con este plan sabemos que imos superar esta situación excepcional nun ano, pero queremos adoptar medidas que nos permitan facelo con marxe e con seguridade”.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page