Silleda impulsa o comercio local cunha campaña especial de fin de semana de descontos
- Laura Moure

- hace 8 minutos
- 2 Min. de lectura
Denominada “Finde negro con 🖤 local 2025” é unha aposta pola compra de proximidade organizada polo Concello de Silleda
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda pon en marcha campaña comercial “Finde negro con 🖤 local 2025” , unha iniciativa destinada a dar visibilidade ao comercio de proximidade, fomentar as compras nos establecementos do municipio e proxectar unha imaxe conxunta que contribúa a fortalecer a economía local durante os días 28 e 29 de novembro. A proposta nace co propósito de ofrecer unha alternativa atractiva ás grandes superficies e plataformas dixitais, lembrando á veciñanza a importancia de apoiar o tecido empresarial de Silleda: comercios que crean emprego, dinamizan as rúas, achegan servizos esenciais e ofrecen un trato próximo e personalizado.

Os establecementos adheridos á campaña estarán identificados cunha imaxe gráfica propia, a través de carteis e bolsas promocionais, para reforzar a percepción de unidade e visibilidade do comercio de Silleda durante esa fin de semana. Así mesmo, realizarase unha difusión conxunta en redes sociais co obxectivo de chegar ao maior número posible de persoas consumidoras e poñer en valor o papel estratéxico do comercio de proximidade no municipio.
Publicidade
Durante os dous días da campaña, cada compra realizada nos comercios participantes dará dereito a entrar nun sorteo dun vale de 100 euros, que se canxeará tamén en establecementos locais. Trátase dun incentivo pensado para favorecer o consumo circular dentro do propio municipio, mantendo o gasto e o beneficio económico en Silleda.
O Concello fai un chamamento a todos os estabelecementos do termo municipal para que se sumen a esta iniciativa. As adhesións poden formalizarse ata o 21 de novembro, enviando un correo electrónico a emprego@silleda.gal
Publicidade
Máis accións de apoio ao comercio local
Ademais desta campaña, o Concello ten en marcha outras actuacións de promoción do comercio. No tótem luminoso do programa Da Túa Man da Deputación de Pontevedra, situado na rúa Progreso, están a proxectarse imaxes dos establecementos locais como espazo publicitario, co obxectivo de servir de reclamo e reforzar a visibilidade do comercio de Silleda. No caso de que algún establecemento non apareza nestas proxeccións, pode poñerse en contacto co Concello a través do correo electrónico emprego@silleda.gal para solicitar a súa inclusión.
Desde o Concello, a alcaldesa, Paula Fernmández, que presentou onte a campaña ca concelleira de Promoción Económica, Estefanía Taín, sublíña que esta iniciativa“quere demostrar que o comercio de Silleda está vivo, é competitivo e ofrece un servizo próximo e de calidade, ademais de converterse nunha oportunidade real para impulsar a economía local e poñer en valor a forza dos nosos establecementos”.








Comentarios