top of page

Silleda aproba o proxecto de renovación e ampliación do parque infantil da Bandeira

A actuación conta cun investimento de 110.000 euros


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda levará a cabo nos vindeiros meses a renovación e ampliación do parque infantil da Bandeira, un espazo moi utilizado polas familias da localidade e arredores e que acusa un notable deterioro nos últimos anos. A Xunta de Goberno Local aprobou na súa sesión de onte o proxecto, que se acometerá íntegramente con fondos municipais, cun orzamento de 109.986,64 euros. Tamén se acordou iniciar o expediente de contratación.


Tratase dun concorrido espazo público que conta con elementos de xogo moi deteriorados polo uso e o paso do tempo. Con este proxecto búscase renovar todo o espazo adicado a parque infantil, que a día de hoxe ocupa unha superficie de 200 metros cadrados. “Cremos que a mellora deste espazo é unha necesidade, xa que se trata dun dos parques máis antigos e está situado nunha zona á que acuden numerosas familias”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.


Na vindeira sesión da Xunta de Goberno Local está prevista a probación dos pregos para sacar a concurso esta actuación. Así mesmo o parque ampliarase en 80 metros cadrados máis cara ao leste , creándose así mesmo unha segunda entrada dende a rúa do Entroido. Renovarase todo o pavimento e darase un contido temático, relacionado co universo, a este espazo de xogo, que busca tamén integrar aos carballos do recinto, os únicos que quedan en toda a praza da localidade.


Retirar un dos carballos

Das tres árbores existentes, será preciso ademais retirar un dos carballos que está xa seco, por motivos de seguridade. Os outros dous integraránse e cobrarán protagonismo, poñéndoos en valor cos novos elementos de xogo. Tamén se propón un pequeño xardín no acceso que acompañe e suavice o límite do parque cas beirarrúas, así como a instalación de bancos.

Entre os elementos de xogo novos figura unha estrutura hexagonal con seis entradas para distintos xogos,, cama elástica, muelle, columpio colectivo tipo trainera en estrutura de madeira tratada e semiesferas no pavimento. Segundo figura no proxecto será un espazo no que os nenos e nenas poidan tamén estimular a imaxinación.


Humanización do entorno, no DUS 5000

Por outra banda, a mellora do entorno completarase despois ca humanización e mellora da praza Juan Salgueiro da Bandeira, a través do programa estatal do DUS 5000, de axudas para investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, cun orzamento que supera o millón de euros, e que incluirá tamén a urbanización de Travesía Vista Alegre e a rúa da Feira. O proxecto estase a ultimar para a súa aprobación nos vindeiros días.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

No caso da mellora da praza da Bandeira, o proxecto de actuación redactarase a través da subvención do Plan Ágora da Deputación. Dende o Concello de Silleda presentouse a iniciativa ao programa estatal a fin de lograr financiación para executar a obra, cunha axuda a través do IDAE de máis de 800.000 euros.


A mellora tanto da praza da Bandeira como das rúas do seu entorno, busca rexenerar o centro da vila, con distintas propostas que tamén teñen á mobilidade peonil e ao aforro enerxético como protagonistas. “Estas convocatorias supoñen unha importante oportunidade para municipios como Silleda, por iso seguiremos traballando para conseguir a través deles financiación para levar a cabo máis iniciativas”, explica Cuiña que recalca que “grazas á boa situación financieira do Concello de Silleda se poden optar ás subvencións con fondos europeos como neste caso e asumir, con fondos propios, actuacións como a renovación deste parque infantil”, engade.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page