Silleda adxudica por máis de 205.000 euros as obras de mellora de viarios municipais en Breixa e Parada
A empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos executará os traballos, financiados a través do Plan Extraordinario Vía DePo da Deputación de Pontevedra
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de adxudicar as obras de mellora de varios viarios municipais nas parroquias de Breixa e Parada á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos S.L.U., por un importe de 205.845,77 euros, IVE incluído. A adxudicación foi aprobada pola Xunta de Goberno Local na sesión celebrada o pasado venres 30 de outubro, tras
completar o correspondente procedemento de licitación.

Esta actuación está enmarcada no Plan Extraordinario Vía DePo da Deputación de Pontevedra, ao que o Concello presentou o pasado mes de maio o proxecto. A subvención provincial foi concedida o 11 de setembro, permitindo avanzar na tramitación dunhas obras destinadas a mellorar as condicións de circulación e seguridade en diferentes accesos do rural silledense.
En concreto, os traballos desenvolveranse nos núcleos de Portodabalde, Redemuíños e Souto Nogueira, na parroquia de Parada, e no lugar de O Outeiro, en Breixa. Trátase de vías municipais que dan acceso a estes lugares desde a PO-534 e a EP-6506 e que tamén prestan servizo a numerosas explotacións gandeiras, parcelas agrícolas e superficies forestais da contorna.
PUBLICIDADE
O estado destes camiños viuse especialmente afectado polos episodios de choivas intensas do pasado inverno, que agravaron o deterioro dos firmes, xa sometidos ao paso frecuente de vehículos pesados, maquinaria agrícola e transportes vinculados á actividade agrogandeira.
Renovación do firme e mellora da drenaxe
O proxecto contempla a rehabilitación superficial dos viarios mediante a aplicación dunha nova capa de rodadura, precedida dos correspondentes traballos de preparación e limpeza das superficies, regos de adherencia e fresado dos entronques con outras vías para igualar as rasantes.
As actuacións completaranse coa limpeza e mellora das cunetas e o acondicionamento das marxes nos treitos nos que resulte necesario, co obxectivo de favorecer a evacuación das augas pluviais e contribuír a unha maior durabilidade dos firmes. O prazo de execución previsto é de dous meses, unha vez que se cumpran os trámites necesarios para o inicio dos traballos.
Á licitación presentáronse tres empresas, resultando seleccionada a proposta de Taboada Ramos, que acadou a maior puntuación no procedemento de contratación. A oferta inclúe tamén melloras en materia de sinalización e mobiliario previstas nos pregos.
Compromiso coa rede viaria do rural
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, destacou a importancia desta nova adxudicación, coa que o Concello continúa avanzando na mellora das infraestruturas viarias municipais. “Seguimos dando pasos para atender as necesidades das nosas parroquias, especialmente naquelas vías que son fundamentais tanto para os desprazamentos diarios da veciñanza como para o desenvolvemento da actividade agrogandeira. Son actuacións moi necesarias que repercuten directamente na seguridade e na calidade de vida no rural”, sinalou.
PUBLICIDADE
A rexedora lembrou que Silleda conta cunha extensa rede de camiños e estradas municipais cuxo mantemento require un importante esforzo económico e de planificación.
“A mellora da rede viaria é unha das prioridades deste goberno. Estamos a aproveitar as distintas liñas de financiamento para seguir actuando nas parroquias, atendendo especialmente aqueles puntos que presentan maiores necesidades. O noso obxectivo é continuar avanzando para contar con vías máis seguras e en mellores condicións en todo o municipio”, engadiu Fernández.
A alcaldesa agradeceu tamén a colaboración da Deputación de Pontevedra a través do Plan Vía DePo, que permite acometer esta intervención nas parroquias de Parada e Breixa.









Comentarios