top of page

Seis persoas feridas en dous accidentes acontecidos nas últimas horas en Monterroso

6 mar 2022
2 min de lectura

Ecos da Comarca/Monterroso

Esta madrugada, os equipos emerxencia tiveron que intervir para prestar axuda aos ocupantes de dous vehículos que envorcaron nos concellos de Monterroso e Taboada. Ás 5:30 horas, o 112 Galicia recibiu o aviso dun coche accidentado na LU-221. Segundo a información facilitada aos xestores do 112, debido á posición na que quedou o turismo, o seu ocupante rematara atrapado e necesitaba da colaboración dos servizos de emerxencias para poder saír.

Así, tras recibir o 112 Galicia a chamada de alerta, púxose a situación en coñecemento do GES de Monterroso, dos Bombeiros de Chantada e do equipo sanitario. Unha vez no lugar, os equipos de intervención confirmaron ao CIAE que foi necesario empregar o material de excarceración para liberar ao ocupante do turismo, que se atopaba inconsciente.

Axentes da Garda Civil e membros de Protección Civil e de mantemento colaboraron na limpeza da vía.


Con todo, durante o seu desprazamento ata o lugar do sinistro, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento de Chantada atoparon a outro vehículo envorcado, na N-540, pouco antes do concello de Taboada. Deste xeito, comunicaron ao 112 que foi necesario intervir para sacar aos dous ocupantes do turismo, que non eran capaces de abandonalo polos seus propios medios.


De acordo cos bombeiros, os feridos estaban en bo estado de saúde, polo que, desde o 112 informouse da situación aos sanitarios e, co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía, pasouse aviso aos axentes de Tráfico, aos efectivos de Protección Civil de Taboada e ao servizo de mantemento das estradas.


Ademais, tamén en Monterroso, outras cinco persoas resultaron feridas despois que o vehículo no que viaxaban alcanzase un animal cando circulaban pola N-640. O sinistro tivo lugar ás 21:15 horas da pasada noite e foron os propios implicados no accidente os que chamaron ao 112 para pedir auxilio.

Malia que todos os ocupantes atopábanse liberados e accesibles, foi necesaria a colaboración dos membros do GES para axudarlles a abandonar o vehículo. Así, os feridos puideron recibir asistencia sanitaria por parte do equipo médico.


O operativo tamén contou coa participación dos axentes da Garda Civil de Tráfico e dos equipos de limpeza de Fomento.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page