Remata a quenda de primavera de Arzúa+Concilia cunha alta participación
- Laura Moure

- hace 3 días
- 2 Min. de lectura
O Concello traballa xa na edición de verán
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa fai un balance positivo da quenda de primavera do programa municipal Arzúa+Concilia, que vén de rematar cunha alta participación e cun bo resultado tanto no acompañamento ás familias como no desenvolvemento das actividades dirixidas ás crianzas durante os días non lectivos das vacacións de primavera.

Desenvolvido nas instalacións do CEIP de Arzúa, o programa volveu converterse nun recurso útil para favorecer a conciliación da vida laboral, familiar e persoal, ofrecendo ás familias unha alternativa segura e adaptada ás súas necesidades nun período especialmente importante en termos de organización dos coidados.
Ao mesmo tempo, as nenas e nenos participantes puideron gozar dun espazo de convivencia, xogo e aprendizaxe, a través de actividades pensadas para fomentar a participación, a creatividade e a relación cos demais nun ambiente dinámico e adecuado á súa idade.
PUBLICIDADE

A concelleira de Igualdade, Lucía López, sinala que “esta nova quenda de Arzúa +Concilia deixa un balance moi positivo, tanto pola resposta das familias como pola experiencia das crianzas, que puideron compartir estes días nun espazo de lecer, aprendizaxe e convivencia”. A concelleira engade ademais que “desde o Concello seguiremos reforzando este tipo de servizos, xa que son imprescindibles para ás familias e facilitan a conciliación no día a día”.
Tras o remate desta edición de primavera, o Concello de Arzúa traballa xa na preparación da quenda de verán do Arzúa+Concilia, coa vontade de seguir ofrecendo este servizo durante os meses estivais e dar resposta ás necesidades de conciliación das familias do municipio. Nas vindeiras semanas daranse a coñecer os detalles da nova convocatoria, incluíndo datas, quendas e procedemento de inscrición.
Publicidade
A través de iniciativas como Arzúa +Concilia, o Concello de Arzúa consolida a súa aposta por políticas públicas de conciliación orientadas a facilitar o día a día das familias, atender as necesidades actuais da veciñanza e promover o benestar das crianzas.







Comentarios