top of page

Recuperarase o sendeiro tradicional A gabia dos Ánxeles, en Boimorto

O Consello coñece un informe de Augas de Galicia en que se dá conta da nova liña de colaboración estratéxica impulsada este ano para apoiar as entidades locais na restauración e posta en valor das áreas fluviais existentes nos seus territorios


Laura Moure/Boimorto

A Xunta de Galicia ten comprometidos para este ano e o que vén investimentos por un importe de 2,1 millóns de euros para apoiar os concellos na recuperación e mellora das contornas fluviais dos seus respectivos municipios co dobre obxectivo de reforzar a protección dos ecosistemas acuáticos característicos destas zonas e de poñelas en valor como espazos de ocio e lecer á disposición da cidadanía. Así se recolle nun informe presentado este luns ante o Consello da Xunta para dar conta da nova liña de colaboración estratéxica coas entidades locais impulsada por Augas de Galicia nos últimos meses pero con intención de facela estable no tempo.


En concreto, o Plan de actuacións, investimentos e financiamento do organismo hidráulico incorporou en 2025, por primeira vez, unha medida específica destinada a apoiar intervencións municipais que contribúan á protección ambiental e á posta en valor dos ríos galegos. A medida está aliñada co actual enfoque das políticas europeas e autonómicas en materia de auga, que poñen o foco na necesidade de fortalecer o papel dos ríos como elemento vertebrador do territorio e peza esencial da paisaxe.

ree

De feito, entre os obxectivos desta nova liña destacan recuperar a función ecolóxica das masas fluviais, mellorar a accesibilidade e os servizos públicos asociados e fomentar a posta en valor natural, ambiental e tamén turística das zonas de ribeira. Para poder cumprilo, apostarase por tres tipos de actuacións aliñadas cos principais retos desde o punto de vista da conservación e do uso social dos espazos fluviais. Por un lado, a rehabilitación de infraestruturas tradicionais e funcionais que forman parte do patrimonio hidráulico (canais de auga, por exemplo) e contribúen á seguridade e a garantir a conectividade destes espazos naturais.


O segundo tipo de actuacións que se quere fomentar con esta nova liña estratéxica vai dirixido a mellorar o acceso ás areas fluviais mediante a construción e restauración de sendeiros, áreas de descanso, sinalización ou mobiliario co obxectivo de facilitar o seu uso ordenado e sostible como espazos de lecer, educación ambiental e convivencia. Por último, tamén se prevén accións de carácter divulgativo para dar a coñecer os valores destas áreas (naturais, ambientais, culturais...), promover o seu uso uso turístico respectuoso e sostible e integralas no propio desenvolvemento local de cada municipio.


A nova liña de colaboración de Augas de Galicia cos concellos neste eido xa se plasmou ata o momento na sinatura dos primeiros catro convenios para impulsar actuacións que, previsiblemente, estarán rematadas este mesmo ano. En concreto, recuperarase o sendeiro tradicional A gabia dos Ánxeles, en Boimorto; porase en valor a área fluvial do río Valga (en Valga); actuarase sobre a área recreativa da Presa, en Frades, e acometerase unha reparación na piscina fluvial do río Verdugo ao seu paso pola Lama.


 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Ademais, tamén se están ultimando outros convenios cos concellos de Cambre (río Mero) e Mos (río Louro) e, de cara ao próximo ano, o organismo hidráulico buscará novas accións de colaboración para mellorar espazos fluviais noutros municipios, primando na selección de proxectos aqueles cun maior impacto ambiental e social, que sexan viables ambiental e urbanisticamente, que estean traballados e maduros desde o punto de vista técnico e cun compromiso municipal de mantemento que garanta a súa continuidade.


Este tipo de actuacións impulsadas por Augas de Galicia da man dos concellos permitirán recuperar ou optimizar espazos fluviais para convertelos en lugares seguros, accesibles e plenamente integrados no uso cotián da cidadanía. Con elas, ademais, melloraranse as condicións ambientais dos ríos, por exemplo, reducindo riscos de deterioración ecolóxica, perda de biodiversidade ou degradación paisaxística, e crearanse áreas de lecer máis ordenadas, limpas e equipadas, que favorecen o benestar, a saúde e a práctica de actividades ao aire libre ao carón dos ríos.


Ao mesmo tempo, as tres liñas de actuación definidas anteriormente terán un impacto directo na veciñanza xa que buscan resolver problemas habituais neste tipo de áreas como poden ser a falta de accesibilidade, a degradación de infraestruturas tradicionais do patrimonio hidráulico, como pontes ou azudes, o abandono dalgúns tramos fluviais ou a inexistencia de espazos públicos de calidade asociados aos ríos. Protección dos recursos hídricos A actuación de Augas de Galicia no ámbito da recuperación e valorización das contornas fluviais enmárcase nas competencias que lle atribúen tanto a normativa estatal como autonómica en materia de planificación, xestión e protección dos recursos hídricos.


Ademais, tanto a Directiva marco da auga como a Lei para a protección, conservación e mellora dos ríos galegos e a Lei de augas de Galicia avogan por impulsar intervencións activas de recuperación fluvial, restauración ecolóxica e mellora do estado das masas hídricas, integrando á vez criterios de sostibilidade, conservación e participación local.


Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

A aposta pola cooperación co ámbito municipal neste eido xorde da consideración de que os concellos son administracións clave para garantir unha xestión eficaz do territorio, pola súa proximidade á cidadanía e o seu coñecemento das necesidades reais de cada contorna fluvial. Nun contexto de crecente demanda social de espazos naturais accesibles, ben conservados e nos cales convivan os usos ambientais, culturais, sociais e turísticos, a recuperación das ribeiras e dos espazos asociados aos ríos constitúe unha oportunidade única para reforzar a identidade local, promover modelos de desenvolvemento sustentable e consolidar unha relación máis respectuosa e equilibrada co medio fluvial.


Ao mesmo tempo, esta estratexia enmárcase nos compromisos da Axenda 2030 das Nacións Unidas, contribuíndo aos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) relacionados coa auga limpa, o saneamento e a protección dos ecosistemas terrestres e impulsando unha gobernanza fluvial descentralizada, próxima ao territorio e baseada en criterios como o uso responsable dos ríos, a identidade local e a recuperación patrimonial.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page