top of page

"Que se tatúe na pel dunha persoa unha obra propia non implica que se cedan os dereitos a ninguén"

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

"Cando teño un tema de maltrato animal sei que vai ser difícil que haxa unha sentenza xusta. E é necesario que a lei os protexa coma o que son: seres que senten e padecen"

Beatriz Ferradás Castro.

ENTREVISTA Á AVOGADA LALINENSE BEATRIZ FERRADÁS CASTRO


Laura Moure/Lalín

Hoxe en Ecos da Comarca conversamos coa avogada lalinense Beatriz Ferradás Castro para abordar distintas cuestións xurídicas. A súa traxectoria profesional está centrada en temas legais tales como civil, laboral, penal, dereito da arte ou dereitos dos animais.


1. Que é V de Avogada?

V de Avogada comezou sendo un Instagram para poder publicar temas sobre dereito, pero non de forma complexa, senón que calquera puidera entendelo e puidera beneficiarse do que se explicaba. Agora mesmo está tamén en Facebook. Chámase así para “reivindicar” un pouco o galego, xa que poucas contas se atopan no noso idioma e menos de dereito. De todos xeitos, todas as publicacións están traducidas ao castelán polo feito de que traballo en Madrid tamén e collo casos de calquera zona. Moitas veces as publicacións que fago son froito dun caso que estou levando e do que tiven que estudar novos conceptos. Aproveito para compartir aquilo que aprendín para que poida servirlle a alguén ou para que, se ten dúbidas acerca do tema, poida preguntarme sen ningún problema. Tamén me gusta que me propoñan asuntos dos que falar, xa que a veces non sei que pode interesarlle máis á xente e gústame compartir cousas útiles.


2. Atópase con prexuízos por ser unha avogada nova?

Continuamente. Dende entrar nunha Fiscalía de Menores e que te confundan coa investigada e non crean que sexas a avogada ata tratarte coma se non tiveras idea de nada. De feito, hai moitísima falta de compañeirismo nesta profesión. Os máis maiores, que levan anos nisto, en vez de axudar aos que comezamos (coma o fixeron eles no seu día), parece que te tratan diferente, coma se foras menos. Tamén están os prexuízos de verte tan nova e pensar que non saberás levar ben o caso ou que non terás o suficiente carácter para enfrontarte a el. Mesmo cando estás ante o xuíz e ves o colegueo que ten coa outra parte porque xa son coñecidos, sénteste pequeniña nese momento. Mais todo isto resólvese demostrando o mellor dun, plena confianza en ti. En canto aos compañeiros demostrándolles que estás preparado e non te vas deixar pisar, e en canto aos clientes dando o 110% dun mesmo para que confíen plenamente na avogada que escolleron.


3. Es experta no eido da arte nas tatuaxes. Cales son as consultas máis frecuentes neste ámbito?

Non diría experta como tal, pero si que me levo preparando tempo para controlar esta rama. Agora mesmo colaboro con Cuttoo, un estudo de Madrid no que impartirei clases a tatuadores e tatuadoras sobre este tema. Normalmente o que máis preguntan é sobre a publicación de fotos do seu traballo en estudos nos que xa non están contratados ou sobre plaxios que se fan das sús obras. O problema aquí adoita ser que o contrato que firmaron non toca este punto, é dicir, os dereitos de autor, dereitos que teñen sobre as súas obras de arte, polo que os traballadores saen perdendo normalmente. Ao final eles están creando unha obra propia, e que se tatúe na pel dunha persoa non implica que se cedan os dereitos desta a ninguén, nin que poida haber plaxio, nin lucro sen ter en conta ao propio autor. Eu mesma teño máis de 20 tatuaxes, e sei cales son creacións feitas para min. Unha delas plaxiouse fai pouco e a rabia que sentimos tanto a súa deseñadora (Teresa Vega, creadora de Cuttoo) coma min, porque era un debuxo moi persoal. Foi o que nos deu impulso para pensar no tema de impartir clases.


4. Que opina da nova Lei de Benestar Animal?

Seguimos na mesma, non defenden os animais como seres sentintes que son. Cando facemos un contrato de adopción estamos falando deles coma se fora un obxecto. Loxicamente imos avanzando, de feito a Lei Galega sobre Protección e Benestar dos animais protexe temas moi importantes como é o maltrato psicolóxico. Mais temos que seguir loitando por conseguir que se maltratan a un gato, non sexa tan complicado poder chegar a unha sanción para o responsable, así coma que se non hai parte veterinario porque non foi algo extremadamente grave, teñamos que ir pola vía administrativa. Tamén se ten que seguir adiante para acabar co uso de animais en calquera tipo de espectáculo e na súa venta en criadeiros ou o uso para experimentos horrendos. Cada vez que teño un tema sobre maltrato animal sei que vai ser difícil que haxa unha sentenza xusta ou unha sanción adecuada, e iso é polo que temos que loitar, para que a lei os protexa coma o que son, seres que senten e padecen, que sofren, e que precisa que os defendamos xa que eles non poden alzar a voz. Colaboro a nivel de casa de acollida e legalmente con diferentes refuxios e ofrézome a facelo sempre con aqueles que o precisen, pero a veces, ao non ter unha lexislación que nos ampare, quedamos coa frustración de non poder facer nada, e iso é moi inxusto.


5. En que consiste o delito de acoso inmobilario?

Trátase de impedir que o inquilino desfrute libremente da vivenda. Isto adoita realizarse a través de actos hostís, humillacións, de exercer presión, coaccións psicolóxicas, etc. Mais pode darse doutras formas como non quere amañar unha avaría que temos na casa, non limpar o edificio (xa que tanto pode ser sobre un piso en concreto ou un bloque de edificios) ou provocar cortes de luz. Nestes casos as probas son moi importantes para poder poñer en mans da xustiza os feitos, tanto mensaxes, informes periciais ou testemuñas, entre outras.


6. Un pai ou nai ten dereito a ver a seu fillo se non lle paga a manutención?

Para reclamar a manutención teremos que ir pola execución, que non afecta ao réxime de visitas. Polo tanto, non habería problema en que o vexa a pesares de non estar cumprindo co acordado do convenio sobre os alimentos. En casos de alcoholemia ou drogadicción dun dos proxenitores, podemos pedir ao Xulgado de maneira urxente que se suspendan as visitas, pero non quere dicir que se deixe de pasar a pensión, nin sequera se se lle retira a patria potestade implica iso, a menos que así o dite unha resolución xudicial. Tamén se da o caso contrario, hai sentenzas, e cada vez máis, que eximen ao proxenitor da obriga de pagar a pensión debido a non ter contacto nin relación co seu fillo/a.


7. Un menor pode negarse ao réxime de visitas?

Entramos aquí na madurez que teña o menor, xa que un neno de catro anos pode dicir que non quere ir con súa nai porque esta é máis ríxida e non lle cumpre todos os caprichos, que con isto non quero dicir que pola curta idade non poida estar dicindo a verdade é que algo malo pase. Pero cando un rapaz duns 11 anos xa se queixa de que non quere ir, adoita dar outro tipo de argumentos. A partires dos 12 anos os menores poden escoller con que proxenitor queren estar, habendo un réxime de visitas co outro, normalmente de dous fins de semana ao mes. Mais cando o menor, teña a idade que teña, mostra unha conducta rara á hora de irse cun dos proxenitores e a negativa a non querer facelo se reitera continuamente, deberemos preocuparnos e investigar que pasa. Se sabemos que a relación entre ambos non é boa, para min sería primordial pedir ao Xulgado que se suspendan as visitas debido ao malestar que lle ocasiona ao rapaz/a, aportando probas se se teñen. Se estamos nun caso no que o menor non quere ir por pereza, ou polo que fixemos ao principio, deberemos facer todo o posible para facerlle comprender que ten que estar con ambos proxenitores. Máis, en todo caso, considero que se debe poñer esta circunstancia en coñecemento do Xulgado para que non se use en contra da parte coa que o menor se quere quedar.


8. Fáleme do seu proxecto do despacho.

Comezou en outubro do ano pasado, cando me din de alta como autónoma. En verdade non era o que tiña pensado, sempre é máis doado comezar nun despacho, pero tras a pandemia estaba moi difícil que te quixeran a menos que foras “de gratis”. Que non digo que as prácticas sexan un problema, pero xa levaba un ano así en Madrid e ao final unha necesita manterse. Comecei cun tema de familia, e xa estaba levando de antes o estudo de Madrid, os contratos e demais. Pouco a pouco vanche chegando cousas, normalmente de coñecidos e de coñecidos de coñecidos. Estaba nun despacho en Santiago que me permitía non pagar e poder ter onde recibir aos clientes, despois pasei a alugar por tres días un en Bertamiráns ata que a día de hoxe acabo de montar un no meu piso, tamén en Bertamiráns. Foi unha inversión, porque aínda que non o pareza, entre mobles, pintar e acomodar todo, os aforros voan. Pero estou contenta porque é algo meu e que espero que sexa o principio dunha próspera carreira. Tamén estou en Lalín os martes e xoves pola tarde, na oficina da empresa familiar, Ferradás González, SL. É outro xeito de conseguir clientes en diferentes sitios, xa que os comezos son moi complicados e hai que moverse por todas partes, por iso collo casos de calquera lugar. Agora mesmo levo un tema de Sevilla, e non teño problema. Grazas a un compañeiro, Otto Solutions, de nome empresarial, creamos unha páxina web chamada fcastroabogados.es, na que tamén participa o meu amigo e procurador Marcos Rodríguez Ramos e unha compañeira de profesión e gran amiga, dende Salamanca, María González. O mellor da páxina é que está en galego a maiores de en castelán e que recolle tanto os diferentes temas que trato, como a publicación dos posts que subo no a V de Avogada coma os que escribo para o blog Iuris Fácil. Trátase de tirar para diante, de fundir os aforros (éche así de certo) e de moverse moito por redes sociais, polo boca a boca, e de botarlle cara sobre todo. Meu amigos sempre se rin porque din que aproveito calquera oportunidade para ofrecerme como avogada, pero que lle vou facer!


9. Gústalle recorrer á mediación e evitar a vía xudicial?

Moitas veces, demasiadas incluso, metémonos na vía xudicial polo simple feito de non escoitar á outra parte. Na mediación é unha terceira persoa cunha formación non só (ou nin tan sequera) en Dereito, senón tamén en comunicación e en Psicoloxía, que vai axudar a chegar a un punto medio. Non se trata de gañar ou perder, senón de que ambas partes cedan un tanto para acadar unha conciliación que favoreza a ambas. O que cega adoita ser o enfado, por iso non escoitamos á outra parte e a veces nin sequera a nós mesmos, de aí que a mediación axude a que as partes do conflito poidan plantexar o seu punto de vista coa axuda dun mediador que intente calmar a tormenta para que poidan falar e escoitarse. Se isto funciona, evitarémonos abrir unha vía xudicial probablemente longa e que conlevará perdas non só económicas se non tamén psicolóxicas para un mesmo.










0 comentarios

Commentaires


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page