top of page

Publican a aprobación da mellora de 65 paradas de bus en 10 concellos, entre eles Boimorto e Melide

As obras licitaranse a finais de ano para comezar os traballos na primavera


Laura Moure/Boimorto/Melide

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou onte, martes, no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de mellora da accesibilidade e conectividade de 65 paradas de autobús situadas en 10 concellos das contornas da Coruña e de Santiago, entre eles Boimorto e Melide.


O DOG recolleu onte o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 27 de xullo no que tamén foi autorizado o trámite de información pública destas intervencións en 10 municipios da provincia e en 9 estradas de titularidade da Xunta, que suporán un investimento de máis de preto de 2,6 millóns de euros.

En concreto, estes proxectos comprenden actuacións nos concellos de Abegondo, Betanzos, Cambre, Carral, Curtis, Oza-Cesuras, Boimorto, Melide, Mesía e Ordes. As intervencións desenvolveranse nas estradas de titularidade autonómica AC-621, AC-211, AC-213, AC-221, AC-230, AC-400, AC-524, AC-542 e AC-840.


En concreto, con este proxecto para actuar no ámbito das rutas de acceso polo norte á cidade da Coruña, melloraranse 15 paradas en Abegondo; 11 en Betanzos; 22 en Cambre; 1 en Carral; 3 en Curtis; 9 en Oza-Cesuras; 1 en Boimorto; 1 en Melide; 1 en Mesía e 1 en Ordes.


A Xunta prevé licitar as obras e convocar o levantamento de actas previas das expropiacións no cuarto trimestre deste ano 2023, para comezar os traballos na primavera. Estas intervencións afectarán a un total de 66 predios, polo que se dispón tamén a urxente ocupación para levar a cabo as intervencións. A superficie de expropiación definitiva é de 3.587,30 m2.


Publicidade

Preme na imaxe se queres obter máis información do evento.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: http://xurl.es/kh6cj


Actuacións

As actuación proxectadas comprenderán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis.


No marco destas intervencións, en primeiro lugar, priorízase a localización óptima destas infraestruturas, en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada é menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas.


As intervencións que se acometerán nas paradas consistirán en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.

Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.


As obras incluirán medidas de seguridade, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.

As actuación, tamén prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas. Como resultado da información pública, incluirase nas actuacións a subministración e instalación dun refuxio adicional para unha parada na costa da Tapia, no concello de Cambre.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O obxectivo do Goberno galego con estas intervencións é incrementar a captación de usuarios das zonas rurais afastadas dos grandes núcleos no uso do transporte público, fomentando a diminución do uso dos movementos de corto e medio recorrido en transporte privado, con orixe ou destino nas cidades de maior poboación, o que redundará nunha diminución das emisións de xeito gradual.


Estes proxectos forman parte do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 millóns de euros para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia.

Os proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.


NOTICIA RELACIONADA:

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page