top of page

Probas piloto con drons e intelixencia artificial entre Palas de Rei e Monterroso

15 jul 2023
2 min de lectura

A Xunta leva a cabo esta actuación para detectar con máis precisión danos nos pavimentos das estradas autonómicas, co fin de acadar unha mellor xestión e conservación da rede viaria


Laura Moure/Palas de Rei

A Xunta realiza probas piloto con drons e intelixencia artificial para detectar con máis precisión danos nos pavimentos das estradas autonómicas, co fin de acadar unha mellor xestión e conservación da rede viaria. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou este venres en Palas de Rei o funcionamento dunha nova ferramenta dixital que a Xunta está a probar co obxectivo de optimizar a conservación das estradas.

Trátase dun sistema para a detección de danos nos firmes a través das imaxes tomadas desde un dron, que son automaticamente procesadas e analizadas co uso da intelixencia artificial e permiten a xeración inmediata de informes do estado de conservación que presenta a vía.

Na proba realizada onte, o dron realizou un voo ao longo de, aproximadamente, 1 km de lonxitude da LU-221, a estrada que une Palas de Rei e Monterroso. No voo recolléronse imaxes e datos sobre o firme da estrada e emitiunos en tempo real, reportando un informe automático do estado no que se atopa o pavimento e os deterioros que presenta.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Este traballo pilóto enmárcase na iniciativa Civil UAVs Initiative e do programa Business Factory Aero liderado pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación, do IGAPE e XesGalicia e coordinado pola Fundación CEL para impulsar o uso de sistemas non tripulados desenvolvidos desde o Polo Aeroespacial de Galicia, en Rozas, no concello de Castro de Rei.


Vázquez Mourelle destacou que a utilización de vehículos aéreos non tripulados multiplican a eficiencia das inspeccións in situ, xa que permite clasificar automaticamente os defectos detectados nas estradas. Sinalou que unha vez obtidas as imaxes e os informes, haberá que avaliar as bondades deste sistema de drons e de intelixencia artificial e incluso abordar as posibilidades que ten de mellora e perfeccionamento na detección dos deterioros nas estradas.

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Con esta iniciativa, valora ampliar a novas funcionalidades o emprego de drons que, como lembrou Ethel Vázquez, a Xunta xa leva tempo usando para a inspección de estruturas e obras de paso, as pontes e viadutos da rede autonómica de estradas. Apostou por explorar futuras aplicacións, xa que pode ser unha ferramenta moi valiosa na toma de decisións sobre a necesidade de actuacións nos firmes. Subliñou que o Goberno galego acomete cada ano unha campaña de reforzos de firme nas estradas autonómicas, destinando 20 millóns de euros de investimento, consciente de que investir en conservación é facelo tamén en seguridade viaria.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page