Presentan o selo conmemorativo da efeméride “Asemblea de Melide”
- Laura Moure

- 19 feb
- 2 Min. de lectura
A estampa forma parte da serie Efemérides, ten unha tirada de 66.000 exemplares ao prezo de 3 euros
Laura Moure/Melide
O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, presentou onte, xunto coa directora de Filatelia e Relacións Institucionais de Correos, Nuria Lera, e o alcalde de Melide, José Manuel Pérez, o selo conmemorativo da efeméride “Asemblea de Melide”, emitido para homenaxear a histórica reunión celebrada na vila o 4 de decembro de 1520.

A Asemblea de Melide reuniu a prelados, cabaleiros e representantes de vilas e cidades do Reino de Galicia. Convocada por Alonso III de Fonseca, arcebispo de Santiago, a reunión tivo como obxectivo formular peticións en nome do pobo galego e trasladalas ao rei Carlos I.
Publicidade
Entre as máis relevantes, destacou a solicitude do voto en Cortes para Galicia, xa que ata ese momento o Reino estaba representado por Zamora. O encontro é considerado un dos primeiros exemplos dun modelo político máis representativo, un antecedente do parlamentarismo.
Julio Abalde destacou que “a Asemblea de Melide foi un fito que expresa a capacidade de Galicia para organizarse e reclamar dereitos en nome do pobo, e este selo é unha forma de manter viva esa memoria colectiva”.
Publicidade
Durante o acto, os intervenientes, xunto coa directora da Oficina de Correos de Melide, Celsa Mariño, promotora da iniciativa, realizaron un mataselado de honra, un xesto simbólico que marca oficialmente a posta en circulación dunha emisión filatélica destinada a lembrar un dos acontecementos máis relevantes da historia política e social de Galicia.
O selo, cun tamaño de 74,6 x 28,8 mm, ten un valor postal de 3 euros e unha tirada de 66.000 unidades. Forma parte da serie Efemérides e está ilustrado por José Alberto García Taracido.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

O subdelegado do Goberno puxo en valor o papel da filatelia como ferramenta de divulgación histórica e cultural, ao tempo que subliñou que esta emisión “rende homenaxe a un acontecemento clave na configuración institucional e política do antigo Reino de Galicia”.
Con esta emisión, Correos contribúe a difundir un episodio fundamental para comprender a evolución política e institucional de Galicia, ao tempo que ofrece unha peza de especial interese para coleccionistas e persoas afeccionadas á historia.








Comentarios