Orientados cun mapa tiveron que buscar as localizacións no casco urbano de Arca e nas inmediacións do Camiño de Santiago
Laura Moure/O Pino
Máis de medio cento de persoas distribuídas en quince equipos, participaron este sánadp en Pino Aventura un xogo de orientación, traballo en equipo, exercicio físico e agudeza mental, que consiste en superar unha serie de probas distribuídas polo casco urbano de Arca e as inmediacións do Camiño de Santiago.

A actividade consistía en sumar puntos superando diferentes probas e localizando as balizas distribuídas en diferentes puntos pola organización. Tras recibir as indicacións básicas do xogo, cada equipo elixiu a súa propia estratexia para convertese no gañador. Cada un comezou buscando as balizas que viñan reflectidas no mapa que recibiron da organización. A medida que localizaban as balizas sumaban puntos, e, noutros lugares, tiñan que superar diferentes probas.
A proba de puntería no lanzamento de aros foi unha das máis solicitadas nada máis comezar a competición. A metade dos equipos desprazáronse ata as inmediacións da piscina municipal de Lameiro para probar a súa puntería. A outra das probas dirixidas realizouse na praza de Forcarei (onde empezou e rematou Pino Aventura). Tratábase dunha proba de equilibrio na que os participantes tiñan que manter tacos sobre unha plancha de madeira que debían soster tirando de catro cordas.
Organizado pola Concellaría de Cultura en colaboración con Territorio Comanche, algúns dos participantes percorreron ata seis quilómetros entre os diferentes puntos sinalizados no mapa. Algúns facían os desprazamentos correndo mentres que outros, sobre todo nos equipos nos que había nenos, preferiron ir andando.
Carreira popular Os 8000 do Pino
Por outro lado, este domingo celebrouse a carreira popular Os 8000 do Pino. Juan Álvarez e Zelinda Spenser foron os gañadores da proba absoluta da carreira popular.
Comments