top of page

Peter Punk chega a Arzúa este venres cun espectáculo para toda a familia

9 jul 2025
2 min de lectura

Será na área recreativa de Ribadiso


Laura Moure/Arzúa

A área recreativa de Ribadiso, en Arzúa, volverá ser este venres, 11 de xullo, escenario dunha nova cita da segunda edición dos Seráns en Ribadiso, a programación posta en marcha polo Concello de Arzúa co obxectivo de recuperar este espazo simbólico e ofrecelo á veciñanza como lugar de encontro, lecer e convivencia.

Nesta ocasión, o protagonista será o recoñecido pallaso Peter Punk, que presentará un novo espectáculo unipersoal pensado para todos os públicos, especialmente para as crianzas. A función, que comezará ás 18.00 horas e será de balde, combina o humor irreverente que caracteriza ao artista cunha posta en escena chea de equilibrios, xestos arriscados e momentos de reflexión. Entre as escenas máis destacadas inclúense unha catedral de nove paraugas, o salto ao baleiro dun voluntario a cegas e o chamado “circuito da morte”. Un final evocador sorprenderá ás máis pequenas e pequenos e fará pensar ao público adulto.


Peter Punk leva máis dunha década enriba dos escenarios e, segundo destacan desde o Concello, “é unha referencia no mundo do circo en Galiza”. O alcalde, Xoán Xesús Carril, sinala que “tras o éxito de Leti da Taberna, esta vez traemos un espectáculo pensado especialmente para as e os máis pequenos da casa, que lles valerá para reflexionar e rir a partes iguais”.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Carril engade tamén: “Con esta segunda edición dos Seráns en Ribadiso, queremos consolidar unha proposta que reivindica Ribadiso como un espazo vivo, público e de encontro para a veciñanza. Un ano máis, apostamos por recuperar este lugar simbólico para o pobo, fronte á desidia e ao abandono que sufriu durante anos”.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Desde o goberno local animan á veciñanza a achegarse. “Queremos que Ribadiso volva ser un lugar para xuntarnos, pasar un bo rato e sentir que é noso. Os Seráns en Ribadiso son para iso: para compartir tempo de lecer, rir e facer pobo”, conclúen.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page