top of page

Outono Teatral volve ao Pino os domingos de novembro con tres obras e un concerto

Todos os espectáculos desenvolveranse no Centro Sociocultural Luis Seoane ás 18:30 horas con entrada libre


Laura Moure/O Pino

Durante o mes de novembro, o Concello de O Pino volve apostar polo teatro para adultos, coa intención de consolidar o Outono Teatral como un programa cultural estable que reafirme o seu compromiso coa cultura e co apoio ás compañías galegas. A iniciativa reunirá sobre o escenario do Centro Sociocultural Luis Seoane catro espectáculos que mesturan comedia, música e reflexión, ofrecéndolle ao público unha ampla variedade de propostas para as tardes de domingo. Todos os espectáculos terán lugar ás 18:30 horas e o acceso será libre ata completar aforo.

ree

O ciclo abrirase o domingo 2 de novembro coa compañía Malasombra Producións e a súa divertida comedia Go on!, unha peculiar historia que arrinca coa chegada do home á Lúa e

culmina coa súa expedición máis ambiciosa: a conquista de Galicia. No ano 2010 _“ano 25

despois de Gayoso”— dous intrépidos exploradores deciden penetrarse nas terras galegas a través do roteiro xacobeo, vivindo situacións tan delirantes como entrevistas a porcos no corredor da morte ou ataques do temible can de palleiro. Go on! é unha emocionante aventura e ao mesmo tempo unha sátira do turismo, a cultura galega e a resistencia humana fronte ao descoñecido.


O domingo 9 de novembro será a quenda da compañía Deste Xeito Producións, que presentará a obra Neura, unha comedia que di non ser romántica… pero fala do amor e das súas consecuencias. Os protagonistas, Edu e Sonia, son dous ex que, por azar, volven atoparse despois dunha historia de amor e desamor marcada polas súas pequenas

obsesións. A través de encontros cheos de ironía e tenrura, Neura convida a reflexionar

sobre esas relacións que deixan pegada e que, por moito tempo que pase, seguen poñendo a proba a nosa cordura.


O domingo 16 de novembro, o teatro daralle paso á música co concerto de Ialma, un grupo de pandeireteiras formado por fillas e netas de galegas na diáspora. Estas catro

cantareiras levan máis de vinte anos espallando a música tradicional galega por todo o mundo, cunha enerxía e paixón que conquistan o público. A súa proposta Camiño de

Bruxelas a Santiago é un percorrido emocional pola historia da emigración, a identidade e

a loita cultural, un canto á diversidade e ás raíces que nunca se perden.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Por último, o domingo 30 de novembro, Malasombra Producións regresará ao escenario do Centro Sociocultural Luis Seoane coa súa obra D.E.P., unha comedia negra que mestura humor e emocións intensas. A trama xira arredor dunha nai maior, unha familia chea de conflitos, unha casa que hai que vender e unha noite interminable na que saen á luz segredos, rancores e confesións inesperadas. Cun ton ácido e entrañable, D.E.P. fala da familia, da morte e da vida con esa retranca tan característica do teatro galego contemporáneo.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page