top of page

“Outono a escena” volve a Arzúa para dinamizar as fins de semana de outubro e novembro

O certame ofertará 14 propostas culturais pensadas para os distintos públicos


Laura Moure/Arzúa

A concelleira de Cultura de Arzúa, Aurora Varela, deu a coñecer o programa cultural que o departamento da súa responsabilidade ten previsto desenvolver durante os vindeiros meses de outubro e novembro. A iniciativa cultural que se presenta baixo o título de Outono a escena permitirá, por sétimo ano consecutivo, dinamizar as fins de semana dos dous meses por excelencia do outono coa achega de numerosas actuacións de artes escénicas e musicais para todos os públicos.

Un das `propostas do ano pasado.

O certame ofertará 14 propostas culturais repartidas nos dous meses. A programación arrincará coa apertura da exposición de pintura de Manuel Rodríguez Varela cun acto de inauguración este venres día 30 ás 19:00 horas. Baixo o título de Fraxilidade presenta unha colección de cadros coa que pretende facer unha reflexión sobre a fraxilidade da vida en xeral. A mostra será visitable durante os espectáculos que terán lugar na Capela da Madanela os dous meses.


A Capela da Madanela será tamén o escenario que acolla neste tempo diversos espectáculos teatrais e musicais para todos os públicos repartidos nos chamados Venres na Capela para público adulto e os Sábados en familia para público infantil e familiar. Este sábado, día 1 de outubro, ás 18:00 horas levarase a cabo a primeira función familiar cun espectáculo de contacontos a cargo de María da Pontragha acompañada de música en directo con Miguelón Paz ao acordeón.


O resto dos Sábados en familia traerán o espectáculo teatral Feira das sementes de Teatro Babaluva o día 15 de outubro e a actuación de teatro e música Cantaxoga a cargo de Migallas Teatro o día 29.

Para público adulto, dentro dos Venres na Capela, prográmase para o día 7 de outubro o concerto de Sergey Arutyunyan Ensemble, un cuarteto de corda xunto con este violinista afincado en Portugal. O venres 21 será a quenda para o teatro co espectáculo Divas de diván de Tarabela Creativa. Ambas funcións serán ás 21:00 horas.


A programación do mes de outubro complétase co contacontos Toupiciencia Show da compañía A Xanela do Maxín o sábado 22 ás 12 do mediodía na Biblioteca Municipal e coa proxección da curta Pequenas grandezas coa que o IES de Arzúa gañou o Certame de guións contra a violencia de xénero da Deputación da Coruña. A proxección terá lugar na Capela da Madanela ás 21:00 horas.


A programación de Outono a escena continuará no mes de novembro con monólogos e actividades dirixidas ao público infantil para conmemorar o Día do Infancia.


Todas as actuacións serán de acceso libre e gratuíto ata completar o aforo. A concelleira de Cultura, Aurora Varela, anima á veciñanza e visitantes a “desfrutar desta completa programación pensada para todos os públicos como lugar de encontro e entretemento nas tardes de outono”. Ademais, quere destacar “o impulso que se lle segue a dar á Capela da Madanela que, despois de recibir máis de 4.000 visitas durante as exposicións do verán, convértese agora nun pequeno auditorio con escenario, iluminación e todas as comodidades para o público”.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page