top of page

Os rapaces do Pino que se proclamaron campións de Europa de fútbol gaélico, pregoeiros da Festa do Galo

A representación de ‘Quimera’ abrirá o programa o 1 de agosto e a exhibición ecuestre ‘Sin Límites’, do adestrador Santí Serra Camps, pechará a celebración o domingo 2


Laura Moure/O Pino

Uns pregoeiros de luxo para unha edición especial. Os rapaces e as rapazas do Pino que se proclamaron campións de Europa de fútbol gaélico nas dúas últimas temporadas darán o pregón da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar que organiza o Concello os días 1 e 2 de agosto. Será un ano moi significativo, no que esta cita declarada Festa de Interese Turístico de Galicia celebra as súas vodas de prata e que terá un peche tamén á altura da efeméride: o espectáculo ecuestre Sin Límites, de Santí Serra Camps.


Vinte e cinco anos despois da súa creación, a festa consolídase como un referente na

promoción dos galos e galiñas de raza piñeira, do mundo ecuestre, da artesanía e das

tradicións galegas, cun programa pensado para todas as idades e que combina espectáculos de primeiro nivel, gastronomía, cultura e actividades familiares.

A programación arrancará o sábado 1 de agosto ás 22:00 horas co espectáculo Quimera, da compañía Pablo Méndez Performance. Unha proposta de grande impacto visual que mestura malabares, acrobacias aéreas e maxia para transmitir unha mensaxe de sensibilización sobre a importancia de preservar os bosques e as fragas.


O domingo 2 de agosto será o día grande da celebración. Desde primeira hora abrirán a XXV Feira de Galos e Galiñas de Raza Piñeira Vivas e a Mostra Cabalar, dous dos piares da festa.


A feira avícola volverá reunir exemplares desta raza autóctona tan ligada á identidade do municipio, mentres que a mostra ecuestre contará cos mellores cabalos da comarca e manterá máis de 4.200 euros en premios, incluídos os galardóns especiais aos mellores

movementos de Pura Raza Española (P.R.E.) e o Premio Especial Faísca ao mellor exemplar de P.R.E. nado e criado en Galicia.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Ao longo da mañá do domingo celebrarase tamén a VI edición de Artesanía no Camiño, con postos de artesás e de artesáns chegados de toda Galicia, demostracións de oficios

tradicionais —como talla de madeira, encaixe de bolillos, torneado ou elaboración de pezas de feltro— e obradoiros participativos. Como complemento, desenvolveranse durante toda a xornada exhibicións de voo de aves rapaces e animacións de rúa, ademais de contar cunha ampla zona infantil con xogos e espectáculos para a cativada. A programación complétase coa II Concentración de Coches Clásicos e Históricos, que volverá reunir vehículos emblemáticos e atraer afeccionados de distintos puntos da comunidade autónoma.


Ás 13:00 horas celebrarase a tradicional degustación gratuíta de galo, seguida da entrega dos premios da feira avícola. O pregón desta edición correrá a cargo das rapazas e dos

rapaces do Pino campións de Europa de fútbol gaélico nas temporadas 2024-25 e 2026-

26, un recoñecemento ao seu extraordinario éxito deportivo e ao exemplo que representan

para a mocidade do municipio. Posteriormente terá lugar o tradicional xantar popular baixo

a carpa instalada xunto á praza de Forcarei, para a que se poden retirar as entradas nos

establecementos hostaleiros do municipio.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Pola tarde retomaranse as probas da Mostra Cabalar, coa carreira de trotóns, a exhibición de enganche, a proba de arrastre e a entrega dos premios aos mellores exemplares. Como

broche de ouro ás vodas de prata da festa, ás 20:30 horas presentarase Sin Límites, o

espectáculo do prestixioso adestrador Santí Serra Camps, coñecido internacionalmente

como o susurrador de cabalos. A súa doma en liberdade, baseada na confianza e na conexión cos animais, promete converterse nun dos momentos máis emotivos e espectaculares desta edición.


O Concello do Pino anima a veciñanza e as persoas visitantes a participar nesta edición tan especial da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar. Unha celebración que, vinte e cinco anos despois do seu nacemento, continúa medrando sen perder a súa esencia: poñer en valor o patrimonio rural, a gastronomía, a cultura e a hospitalidade que distinguen o municipio.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page