O servizo xurídico de Cogami realizou máis de 400 intervecións en apoio ás persoas con discapacidade
- ecosdacomarca
- hace 2 días
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
O servizo de asesoramento xurídico de COGAMI, dirixido a persoas con discapacidade, ás súas familias e ás entidades do ámbito social da discapacidade, realizou un total de 412 intervencións durante o último período, das cales 400 foron xestións, recursos e consultas directas, e 12 intervencións especializadas relacionadas con situacións de vulneración de dereitos ou demandas complexas.

De todas estas intervencións, destacan as 47 reclamacións previas presentadas contra resolucións administrativas referidas ao grao de discapacidade, tanto na súa valoración inicial como nas revisións, así como ao grao de dependencia ou outras prestacións. A publicación e entrada en vigor do novo baremo de discapacidade o 20/04/2023 xerou unha importante incerteza, xa que, aínda que as expectativas eran positivas, na práctica deixou sen recoñecemento a realidade de moitas persoas con discapacidade. A isto engadiuse o incremento dos atrasos, xa existentes en anos anteriores, e a ampliación do prazo de resolución máxima a 6 meses segundo a normativa estatal, fronte aos 3 meses que se indicaban na normativa autonómica previa, que xa se vían superados con demoras medias de entre 1 e 2 anos.
Este servizo, que forma parte da área Xurídica de COGAMI, está atendido por dúas profesionais licenciadas en Dereito e conta co financiamento procedente do 0,7 % do IRPF das persoas contribuíntes que marcaron o recadro 106 da declaración da renda, a Consellería de Política Social, ademais de Axentes de Emprego e o convenio APDF. O obxectivo principal deste programa é informar, asesorar e defender os dereitos das persoas con discapacidade, garantindo o acceso á información e a igualdade de oportunidades.
As intervencións abrangueron unha ampla variedade de temas, destacando cuestións como:
A reclamación de medidas de accesibilidade en transporte público interurbano.
Apoio a traballadoras/es para adaptar postos de traballo.
Defensa do dereito á participación en actividades culturais e sociais.
Reclamacións ante a demora na atención temperá a menores con discapacidade.
Apoio en casos de linguaxe non inclusiva ou espazos públicos mal adaptados.
Perfil das consultas
Por áreas temáticas, o 37,6 % das consultas estiveron relacionadas coa obtención do grao de discapacidade, e o 26,7 % co emprego. Tamén se rexistraron consultas sobre axudas económicas, accesibilidade, autoemprego, vivenda ou educación.
A distribución xeográfica das intervencións foi a seguinte:
• A Coruña: 223 intervencións
• Pontevedra: 111
• Lugo: 86
• Ourense: 30
Publicidade
En canto ao perfil das persoas usuarias, o 59% foron mulleres (243) e o 41% homes (169).
Ademais do asesoramento individual, a área Xurídica tamén desenvolve unha importante tarefa de achegas e propostas a textos normativos en tramitación, co obxectivo de incorporar medidas que protexan os dereitos das persoas con discapacidade. Neste eido, realizáronse achegas a 14 normativas diferentes. A revisión diaria da lexislación e publicacións oficiais permite manter unha análise actualizada dos cambios normativos que afectan o colectivo.
Durante o ano 2024, desde a Área Xurídica tamén se seguiu de preto a tramitación de leis galegas con impacto directo no colectivo, como
:• Lei 10/2023, de medidas fiscais e administrativas
.• Lei 7/2023, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
• Cambios sobre as normas de habitabilidade de vivendas
.• Lei 3/2024, de cultura inclusiva e accesible de Galicia.
Comments