O saneamento de Viladónega, O Outeiro e O Pedral, en Boimorto, rematará a comezos de 2023
Avanza a licitación desta actuación por máis de 487.000 euros
Laura Moure/Boimorto
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou a licitación este mércores, por máis de 487.000 euros das obras para dotar de saneamento os núcleos de Viladónega, O Outeiro e O Pedral, no concello de Boimorto, que estarán rematadas a comezos de 2023. Vázquez Mourelle achegouse ata o lugar de Viladónega para presentar as actuacións previstas para dotar co servizo de saneamento estes tres núcleos rurais, con vivendas unifamiliares, na súa maioría delas dispersas, e en cuxa contorna hai tamén unha pequena explotación gandeira e un bar, que actualmente carecen dun sistema de depuración de augas residuais.

A conselleira explicou que as obras están enmarcadas no convenio asinado entre a Xunta e o Concello o pasado mes de xullo, polo que a entidade local se comprometeu a realizar os trámites e a poñer á disposición os terreos, ademais de cofinanciar o 20% das actuacións.
A Xunta, pola súa banda, executará as obras e financiaraas achegando o 80% do investimento, para o que poderá contar con financiamento europeo do eixe REACT-EU do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da Covid-19.
Ethel Vázquez informou de que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación das obras, que prevén iniciarse a finais de verán e dispoñen dun prazo de execución de catro meses, co obxectivo de que estean rematadas a comezos de 2023. As empresas interesadas nos traballos teñen ata o 29 de marzo para presentar as súas ofertas. Precisou que está prevista a construción dunha rede de colectores, complementada con 75 pozos de rexistro, ademais de executar unha nova depuradora de augas residuais. As actuacións, no seu conxunto, darán servizo a unha poboación de 150 habitantes no ano horizonte 2044.
A rede de colectores executarse en tubaxe de PVC, por gravidade e sen bombeos intermedios, ademais dun tramo en hinca, para cruzar a estrada autonómica. A lonxitude total da rede supera os 2,5 quiiómetros de lonxitude, complementada cos correspondentes pozos de rexistros, un total de 75.
A conselleira puxo o acento en que a rede que rematará na nova estación depuradora de augas residuais que se vai executar non require achega de enerxía eléctrica ao funcionar por gravidade, e tan só contará cun panel solar que proporcionará o subministro de enerxía eléctrica necesaria para alimentar a instalación e un punto de luz. Isto, subliñou, é algo certamente importante tendo en conta que o custo enerxético é determinante nos custos de mantemento e xestión das plantas de depuración.
Ethel Vázquez subliñou que esta actuación segue a liña do departamento que preside de apoio e acompañamento aos municipios máis pequenos e do rural, coma Boimorto, para axudalos na prestación de mellores servizos da auga aos seus veciños, impulsando investimentos en infraestruturas que a eles lle resulta moi difícil asumir, por ter un custo elevado. Tal e como apuntou a conselleira, este apoio redobrarase coa nova Lei do ciclo integral da auga que está en tramitación, e da que salientou o seu uso como ferramenta útil e eficaz coa que os municipios poderán tamén encomendar a xestión á Xunta dos seus sistemas, garantindo a prestación de servizos eficientes e profesionais da auga aos veciños. Esta lei avanzou que será levada en breve ao Consello da Xunta para a súa aprobación e posterior remisión ao Parlamento.








Comentarios