top of page

O PSOE de Monterroso defende unha proposta para garantir as axudas ás asociacións e comisións de festas

Rafael García reclama ao goberno do PP que active unha modificación de crédito con cargo ao remanente para evitar a parálise das actividades culturais, deportivas e veciñais


Ecos da Comarca/Monterroso

O Grupo Municipal Socialista de Monterroso defenderá no Pleno deste mércores unha proposta co obxectivo de garantir as subvencións nominativas destinadas ao tecido asociativo, ás entidades culturais, deportivas e veciñais, así como ás comisións de festas das parroquias.

O voceiro socialista, Rafael García Figueiras, explicou que a prórroga dos orzamentos municipais para o exercicio 2026 supón “un freo obxectivo” para a actualización destas axudas, unha circunstancia que deixa aos colectivos locais nunha situación de “extrema vulnerabilidade e indefensión financeira”, ao non poder adaptar os seus recursos ao impacto real da inflación nin planificar as súas actividades coas garantías xurídicas e económicas necesarias.


A iniciativa socialista sinala que o dinamismo social, cultural e deportivo de Monterroso depende en boa medida do traballo das asociacións e das comisións de festas, que contribúen a vertebrar o territorio, manter vivas as parroquias e garantir a cohesión veciñal. Por iso, o PSdeG considera necesario actuar con urxencia para evitar que a falta de tramitación destas subvencións comprometa a programación prevista para este ano.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

A proposta insta á Alcaldía a iniciar e tramitar de maneira urxente un expediente de modificación de crédito, mediante a modalidade de crédito extraordinario, financiado con cargo ao remanente líquido de tesourería do exercicio 2025. Segundo recolle a moción, a liquidación positiva dese exercicio acredita a existencia dun remanente suficiente e dispoñible nas contas municipais.


A iniciativa socialista reclama que o Concello reserve os fondos necesarios para adaptar estas axudas á realidade económica de 2026 e fixe un calendario urxente para resolver a súa concesión canto antes. O obxectivo, sinala, é que asociacións, entidades e comisións de festas poidan contar cos recursos necesarios e desenvolver con normalidade as actividades previstas para este ano.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

“O noso principal obxectivo é protexer o interese xeral da cidadanía e salvagardar a supervivencia das nosas asociacións”, sostivo García, quen advertiu de que estes colectivos “non poden depender da falta de xestión e iniciativa do Partido Popular”.


“Se hai remanente e hai mecanismos legais para actuar, o único que falta é vontade política e capacidade de xestión. Agardamos que o PP estea á altura e apoie ás entidades que manteñen viva a actividade social, cultural, deportiva e festiva de Monterroso”, concluíu Rafael García.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page