O PSOE de Monterroso celebra a aprobación das súas mocións e desmonta as acusacións sobre a residencia
- ecosdacomarca

- hace 8 minutos
- 4 Min. de lectura
A Corporación aprobou por maioría absoluta a moción socialista para rehabilitar as antigas Casas Escola e destinalas a vivenda en alugueiro social
Ecos da Comarca/Monterroso
O Grupo Municipal Socialista de Monterroso celebra a aprobación das dúas mocións presentadas polo PSdeG no pleno celebrado este xoves, entre elas a iniciativa para impulsar a rehabilitación integral das antigas Casas Escola e destinalas a vivenda en alugueiro social. Ao mesmo tempo, os socialistas rexeitan con contundencia as recentes declaracións do alcalde, Eloy Pérez, sobre a residencia da terceira idade, que cualifican de “inxustas, falsas e unha manobra para ocultar a súa propia falta de xestión”.
Vivenda pública: rehabilitación das Casas Escola
A moción socialista destinada a rehabilitar as Casas Escola de Tarrío de Buxergos, Arada, Salgueiros e Montecalvo foi aprobada por maioría absoluta da corporación, co obxectivo de destinalas a vivenda en réxime de alugueiro social. O voceiro, Rafael García, explicou que esta iniciativa responde “á vontade de contribuír a paliar un problema cada vez máis acuciante en Monterroso, como é a falta de vivenda”, ao tempo que permite “poñer en valor o patrimonio municipal e a historia que rodea estes edificios, hoxe en desuso”. Segundo indicou, a rehabilitación destas antigas escolas permitiría ofrecer vivenda accesible, fixar poboación no rural e recuperar inmobles municipais abandonados dende hai décadas.

En canto ao financiamento, García subliñou que esta actuación podería apoiarse nas diferentes liñas de axuda do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), “a través das convocatorias que este organismo vén publicando con frecuencia para este tipo de actuacións”. Dende o PSdeG lamentan que o equipo de goberno non apoiase esta proposta, “a pesar do seu claro carácter social”, aínda que destacan que foi aprobada grazas á maioría absoluta da Corporación.
No mesmo pleno aprobouse tamén a moción socialista de compromiso institucional contra a violencia de xénero, en coherencia co posicionamento do PSdeG a nivel galego e estatal.
A formación puxo en valor o papel activo do PSdeG na sesión plenaria e subliñou que, fronte a iso, "o goberno municipal do PP volveu acudir sen presentar ningunha proposta, o que pon de manifesto a falta de proxecto, de iniciativa e de xestión dun executivo que leva xa máis de dous anos á fronte do Concello”.
A residencia de maiores: unha iniciativa do PSdeG
En relación ás declaracións realizadas nos últimos días polo alcalde de Monterroso, nas que acusa á oposición de “condenar” ao municipio a non ter residencia da terceira idade, o PSdeG rexeita estas afirmacións e lembra que foi o propio grupo socialista "quen levou ao pleno, a finais de outubro, unha moción específica para reclamar á Xunta de Galicia a construción dunha residencia na vila, iniciativa que foi aprobada por unanimidade da corporación". Esa moción, explica, instaba á Consellería de Política Social a executar as obras e ao Concello a poñer a disposición os terreos necesarios, sempre que existise unha partida orzamentaria autonómica que garantise a viabilidade do proxecto. “É rotundamente falso que a oposición frease a residencia, todo o contrario, foi o PSdeG quen puxo o tema enriba da mesa con feitos e acordos plenarios”, subliñou García.
Publicidade
O voceiro lembrou que esta cuestión xa fora anunciada polo PP en 2022, cando o actual alcalde exercía como tenente de alcaldía, cun compromiso de redacción do proxecto que nunca se materializou. “Chegaron ás eleccións de 2023 prometendo a residencia, pero en 2023, 2024 e 2025 non houbo nin proxecto nin un só euro nos orzamentos da Xunta”, denunciou.
De feito, cando o PSdeG tivo acceso ao borrador dos Orzamentos da Xunta para 2026, comprobou que Monterroso non figuraba en ningún apartado referido á residencia, motivo polo que os socialistas presentaron as correspondentes emendas no Parlamento galego, que tampouco prosperaron polo rexeitamento do PP.
"Falta de proxecto e improvisación constante"
García considera inaceptable que "o alcalde trate de responsabilizar á oposición da súa propia incapacidade de xestión, especialmente cando asegura que continuará negociando os orzamentos de 2026 mentres acusa nominalmente aos grupos que non apoiaron esas contas de frear o avance do municipio". “É un moi mal comezo para calquera negociación, detrás destas acusacións só se tenta agochar a súa incompetencia á fronte da casa consistorial”, afirmou.
Publicidade
O voceiro advertiu de que “queda en evidencia o fin de ciclo e a ausencia total de proxecto para Monterroso por parte do equipo de goberno”, que presentou uns orzamentos “que non responden ás verdadeiras necesidades da vila, ignoran amplamente as propostas socialistas e nin sequera cumpren coas regras fiscais, segundo o informe da Intervención do Concello”. Unha situación que “aboca inevitablemente á elaboración dun Plan Económico-Financeiro e a que Monterroso pase a estar tutelado polo Ministerio de Facenda”.
Neste contexto, o PSdeG lembra que os poucos investimentos que chegan ao municipio proceden maioritariamente da Deputación de Lugo, mentres que a Xunta de Galicia do PP “non aposta por Monterroso nin polo seu alcalde”, como demostra o feito de que o concello non apareza nos orzamentos autonómicos mentres outros municipios limítrofes si obteñen financiamento. “Gobernar non é agardar a que veñan ofrecer cousas, é ter proxectos, traballar e ir ás administracións con propostas serias debaixo do brazo, algo que este goberno non está facendo”, concluíu o voceiro socialista.








Comentarios