top of page

O PSdeG de Monterroso rexeita uns orzamentos "irreais, inflados e que incumpren a regra de gasto"

Os socialistas salientan que votaron en contra dun proxecto construído “sobre un castelo de naipes, con previsións de ingresos sen respaldo real e investimentos sen concreción"


Ecos da Comarca/Monterroso

O PSdeG-PSOE de Monterroso explica que votou no pleno do pasado xoves en contra do proxecto de orzamentos municipais para 2026 ao considerar que "se trata dun documento irreal, inflado e que incumpre a regra de gasto, elaborado sen planificación e sen atender ás necesidades reais da vila". O voceiro socialista, Rafael García, sinala que a análise detallada das contas levou ao grupo municipal a concluír que “non podiamos branquealas de ningún xeito, porque están construídas sobre un castelo de naipes e non garanten nin presente nin futuro para Monterroso”.


O orzamento presentado polo goberno municipal ascende a 4,3 millóns de euros, dos cales máis do 77% xa está comprometido en gasto de persoal e servizos correntes, “o que deixa unha marxe mínima para proxectos transformadores”. García salientou ademais que o capítulo de investimentos “está inflado con previsións de ingresos doutras administracións para as que non existe ningún soporte documental”, segundo recolle o informe de Intervención Municipal.

ree

O voceiro denuncia que esta ausencia de garantías converte o documento “nun exercicio de ficción orzamentaria, xa que non existe convenio nin comunicación oficial que avale a chegada deses fondos". Ademais, os investimentos “aparecen descritos de forma xenérica, sen proxectos nin memorias técnicas que xustifiquen as partidas, o que demostra improvisación e falta absoluta de planificación”. García incide tamén en que a Intervención alerta de que o proxecto “incumpre a regra de gasto e podería obrigar ao Concello a elaborar un Plan Económico Financeiro en 2026, co que Monterroso perdería autonomía e pasaría a estar baixo supervisión de Facenda”.


Neste sentido, o voceiro é claro: “Estamos comprometidos co desenvolvemento real de Monterroso, pero non imos apoiar unhas contas que nos poden levar á intervención”. Ademais sinala que "o documento técnico inclúe ademais recomendacións para limitar o uso excesivo de contratos menores e adxudicacións directas". “A realidade é que seguimos con contratos caducados, como o da recollida do lixo ou o servizo de alumeado público, e cun modelo de xestión totalmente desordenado. Intervención pídenos contención e o goberno pretende aprobar unhas contas que van xusto na dirección contraria”, indicou.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

O voceiro tamén cualificou a recente “débeda cero” anunciada polo alcalde como “a máis efémera da historia”, lembrando que "esta situación só foi posible pola amortización forzosa realizada con cargo aos remanentes, tras a advertencia de Intervención polo grave risco de incumprimento da estabilidade orzamentaria". “Non se pode vender estabilidade cando os informes din todo o contrario”, engade.


O PSdeG critica que o goberno municipal non incorporase ningunha das propostas socialistas trasladadas á Alcaldía para seren incluídas no proxecto, como a construción dun parque infantil cuberto, a instalación de gradas no campo de fútbol de Cerdeiriños, a redacción dun novo PXOM ou a rehabilitación das Casas Escola para destinalas a vivenda de alugueiro social. “O noso traballo é rigoroso e responde ás necesidades reais da veciñanza, pero o alcalde decidiu ignoralo por completo”, afirma García. Do mesmo xeito, o voceiro advirte de que moitas das necesidades estruturais de Monterroso continúan sen resposta da Xunta de Galicia, que non contempla nin a nova EDAR, nin a residencia da terceira idade, nin políticas de vivenda no seu borrador de orzamentos para 2026, malia seren reivindicacións aprobadas no pleno e defendidas polo PSdeG mediante emendas no Parlamento. “A Xunta non achega un só euro a Monterroso, nin para os servizos esenciais nin para proxectos de futuro”, lamenta.

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

García lembrou o compromiso do PSdeG “co desenvolvemento real de Monterroso, tanto no casco urbano como nas parroquias”, e puxo en valor o papel da Deputación de Lugo “como a administración que máis inviste con moita diferenza, mellorando infraestruturas, equipamentos e servizos que a veciñanza percibe día a día”. “Seguiremos traballando con rigor e responsabilidade, pero non imos apoiar unhas contas fráxiles, improvisadas e desconectadas da realidade do noso municipio”, concluíu o voceiro socialista.


NOTICIA RELACIONADA:



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page