"A autovía A-54 conta con menos orzamento e sen previsións de remate ata 2025", lamenta
Ecos da Comarca/Melide
"Lonxe de aproveitar a vantaxe competitiva que nos daría a conexión da Galicia interior na que estamos localizados, o goberno de Sánchez decide, unha vez máis, postergar o investimento nos treitos sen rematar da autovía A-54", lamenta o PP de Melide. “Asistimos a un abandono total e absoluto da periodicidade coa que se estaban cumprindo os prazos nos investimentos co goberno de Mariano Rajoy onde no 2022 teríamos esta infraestrutura rematada", considera. "Pola contra, Sánchez esquece a Galicia e as súas necesidades nos orzamentos do Estado”, sinala a portavoz popular, Dalia García.

Dende a formación conservadora sinalan que o investimento previsto é de 16,1 millón de euros par o treito Arzúa-Melide e que existe a confirmación de que non se rematará a obra nos prazos comprometidos, a proxección data o proceso no ano 2025. “É inaudito que o bipartito local formado por AM-PSOE non alce a voz e se revolva contra esta aldraxe á nosa comarca; toda a veciñanza sabe as potencialidades que albergará a autovía en canto a mobilidade laboral e servizos acortando sobre maneira o tempo de viaxe á capital da comunidade ou a cidade de Lugo, son cooperadores necesarios deste engano”, recalca García.
Os populares melidenses sinalan igualmente que non lles sorprende "a posición do bipartito encabezado por X.M. Pérez xa que en máis de dous anos de goberno foron incapaces de conseguir para Melide investimentos de calado nas administracións onde gobernan as súas cores políticas o cal demostra a pouca capacidade ou preocupación de cara a mellora de Melide".
Comments