top of page

O PP de Vila de Cruces promete poñer en marcha o parque público agroforestal de Aguillós

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

"Estamos seguros de que esta proposta é o que precisa o noso municipio para recuperar o pulo económico e acadar unha opción clara, real e de futuro para o municipio", recalca


Ecos da Comarca/Vila de Cruces

O Partido Popular, presenta, a través do seu portavoz e candidato á Alcaldía do

concello de Vila de Cruces, Jesús Otero Varela, a súa proposta máis destacada en

materia económica, pois terá un claro “efecto dominó e un gran impacto económico

positivo no concello". Fala da creación do Parque Público Agroforestal de Aguillós.


"Estamos seguros de que esta proposta é o que precisa o noso municipio para recuperar o pulo económico e acadar unha opción clara, real e de futuro para o municipio, a cal axudará a crear nova economía de futuro, consolidar e mellorar a xa existente e repercutir noutros aspectos importantes do municipio como a fixación de poboación. Este proxecto non é novo, posto que na lexislatura 2014 – 2019 se traballou na elaboración da tramitación administrativa do mesmo, un proceso de traballo longo e laborioso que implica a realización de diversos proxectos e informes e a súa presentación diante de diversas administracións e organismos. Este proceso é básico para poder construír un novo Polígono Público, pois sen toda esa tramitación non sería legar nin posible proceder con esta infraestrutura".

En paralelo, sinala que como "así o certificou no mes de xuño de 2019 a Secretaria Xeral do concello, o noso grupo deixou mais de 2M€ de remanente nas contas do concello, os cales estaban reservados nunha alta porcentaxe para, precisamente, comezar a construción do novo polígono. Cabe sinalar que en xuño de 2019, o oCncello dispoñía de todos os permisos precisos de diferentes organismos e administracións como a Xunta de Galicia, Medio Rural, Industria, Goberno de España, Fomento, Augas de Galicia ou a Dirección Xeral de Aviación Civil entre outras e que unicamente estaba pendente por parte do concello de tramitar o plan de viabilidade coa Interventora Municipal, algo que nunca se realizou nestes catro anos".


O noso grupo, recalca, "comprométese a retomar á maior brevidade posible a construción e posta en marcha do Parque Público Agroforestal de Aguillós para, posteriormente, comezar unha rolda de contactos e reunións con diversas empresas galegas, nacionais e internacionais, coa finalidade de presentarlle solo público nunhas condicións moi favorables a cambio de asentarse en Vila de Cruces e empregar a veciños e veciñas empadroadas no noso municipio. Esta medida é completamente posible, pois xa o era no ano 2014 cando comezamos a súa tramitación e favorecerá a creación de emprego no municipio, repercutindo positivamente e de forma directa en todos os sectores económicos do concello, ao tempo que axudará a fixar poboación e, polo tanto, servizos e unha maior financiación pública doutras administracións".

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

"Pero a nosa proposta", apunta, "vai máis alá de atraer empresas, tamén contempla a creación dunha Aceleradora de Empresas destinada aos autónomos de ata 35 anos residentes no municipio, a cal lle proporcionará apoio técnico e formativo para desenvolver a súa idea emprendedora e facilitaralle ferramentas para facer que os proxectos sexan proxectos viables e realizables, apoiando deste xeito ao talento xove de Vila de Cruces".


Espazo Coworking

Como terceiro eixo deste novo polígono, estaría a creación dun espazo de Coworking para os emprendedores empadroados neste municipio, poñendo á súa disposición un espazo físico con mobiliario, aparatos informáticos, salas de reunións e acceso a internet de máxima calidade, "o que facilitará o aforro de gastos xerais mensuais así como a interrelación e colaboración entre empresas e sectores económicos diferentes".


A maiores dos beneficios anteriormente sinalados, o Parque de Aguillós "é un polígono

público, polo que o acceso ao solo sería igual para todos os cidadáns evitando así a

especulación e os abusos que poden aparecer nun polígono de parcelas privadas. No Partido Popular estamos preparados, fixemos a durísima tramitación de forma positiva e conseguiremos os recursos económicos para poñer en marcha a infraestrutura económica vertebradora do noso municipio, sen que isto repercuta nos impostos que pagan os veciños. #EntreTodos farémolo posible", conclúe o PP.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page