top of page

O PP de Monterroso presenta un "programa de goberno para todos que garante a estabilidade"

Defende proxectos "de progreso e futuro para a vila" coma unha residencia da terceira idade, unha boa conexión coa A-54, a ampliación da EDAR ou a rehabilitación da Peneda


Ecos da Comarca/Monterroso

O PP de Monterroso preséntase ás eleccións municipais cun programa de “goberno para todos” baseado nas necesidades actuais do municipio e co obxectivo de “construír un futuro de progreso para a nosa vila”. O candidato popular, Eloy Pérez, defende o proxecto popular como garantía de “estabilidade, inversións, capacidade de xestión e lealdade” como demostra “o traballo feito nas áreas onde o Partido Popular tivo responsabilidade de goberno nos últimos anos”.


Os populares defenden “proxectos demandados polos veciños e veciñas” coma unha verdadeira residencia da terceira idade -no actual espazo cultural Lorenzo Varela trasladado ás instalacións das vivendas comunitarias unha vez rehabilitadas para crear a Praza da Cultura nese entorno-, unha verdadeira conexión da vila e o polígono coa autovía de Lugo a Santiago (A-54), a ampliación da EDAR ou a rehabilitación integral da área recreativa da Peneda; ademais doutras xestións e accións que procuren a mellora dos servizos a tódolos monterrosinos “por igual”.

Nese sentido, aposta por “seguir rehabilitando a totalidade das vías municipais” e mellorar a eficiencia enerxética do alumeado público “favorecendo o aforro e incluíndo a instalación de puntos de luz nos lugares que na actualidade non contan con iluminación pública”.


Os populares defenden tamén unha administración local “áxil e cercana” que facilite os trámites e a relación co resto de administracións públicas; ademais de asesorar aos emprendedores. E propoñen a mellora da accesibilidade da Casa do Concello, reordenación do viario urbano para aumentar o número de prazas de aparcamento e desenvolver “un plan periódico para a limpeza das rúas do pobo”.


En materia de servizos sociais, os populares apostan por estudar a viabilidade da xestión directa do SAF; xestionar o aumento de prazas do centro de día e ofrecer comidas a domicilio para os maiores que viven sós. Tamén aseguran que “apoiaremos actividades dirixidas á terceira idade coma as viaxes culturais e sumar informática á oferta actual de talleres”.


Para os máis pequenos

Pensando nos máis pequenos, propoñen a ampliación e cubrición do parque infantil da praza Rojo Losada e manter unha comunicación fluída cos centros de ensino aos que pretenden dotar de máis espazos cubertos. Co obxectivo de fomentar a natalidade, prometen axudas de 250 euros por nacemento ou adopción e de 150 euros ao ano como axuda á crianza.

Preme na imaxe se queres obter máis información deste evento.

Eloy Pérez quere facilitar “emprego para todo o mundo” e, polo tanto, suxire a creación dunha bolsa municipal de emprego integrada por persoas de colectivos con máis dificultade para acceder ao mercado laboral. Tamén considera oportuno revisar o estado da tramitación do PXOM e a súa adaptación ás necesidades actuais do concello para dotalo de solo edificable; así coma crear vivenda pública e promover a rehabilitación de edificios.


Igualmente, o seu programa electoral recolle a instalación dun panel dixital de información na parada de buses sobre as distintas liñas.


Apoio á hostalaría e o comercio

O proxecto popular inclúe propostas de apoio á hostalería e o comercio local; ao deporte; ás asociacións culturais e ás iniciativas que fomentan a celebración de feiras e festivais; e por potenciar o Centro de Interpretación ‘Monterroso, A Vila das Feiras’ en torno á Feira de Santos para a que queren xestionar a declaración como Festa de Interese Turístico Nacional.

Tendo en conta que Monterroso é a capital da comarca, Eloy Pérez promoverá contactos cos Concellos da zona para estudar a implantación en Monterroso dun centro comarcal de tratamento e valorización de residuos da construción e demolición ou a xestión compartida da piscina climatizada para que resulte viable este servizo. O popular explica que “tamén pediremos a colaboración doutras institucións para a posta en marcha, de forma gradual, do pavillón polideportivo e o ximnasio” que conforman o complexo deportivo.


Vocación de servizo

A candidatura popular, integrada por persoas que viven e traballan en Monterroso

contribuíndo a facer vila, comprométese a “seguir traballando dende a humildade e con vocación de servizo”.





Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page