O Concello desmente ·os rumores infundados que circulan sobre unha suposta débeda millonaria"
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O PP de Vila de Cruces amosa a súa "preocupación pola situación financeira" do Concello e insta unha vez máis ao Goberno actual a establecer un portal de transparencia na web do Concello. Pola súa banda o goberno local de Xuntos polo Noso Concello desminte "os rumores infundados que circulan sobre unha suposta débeda millonaria".
Comunicado do PP:
"Desde o mes de novembro do 2022 solicitamos en numerosas ocasións á Intervención do Concello de Vila de Cruces o Balance de situación e as facturas pendentes de pago pero nunca recibimos a información solicitada. Esperamos un tempo máis que prudencial pero a paciencia ten un límite. O Goberno do Sr. Taboada leva máis de catro anos sen aprobar uns orzamentos para Vila de Cruces, este feito é altamente daniño para a saúde financeira dunha institución pública que administra mediante impostos o diñeiro de todos os contribuíntes. Esiximos que se clarifique con carácter de urxencia a situación financeira do Concello de Vila de Cruces, sendo a única maneira mediante a aprobación duns orzamentos, estamos no ano 2023 e seguimos baseándonos nos orzamentos do 2019, un despropósito total por non adecuar a situación cambiante destes últimos anos á realidade actual.
Non tivemos acceso da acta de arqueo ata o día 19 de xuño, devandito documento asinado por Intervención e Tesourería con data 16 de xuño e non foi informado publicamente na sesión de investidura da nova Corporación do pasado sábado. O Concello de Vila de Cruces dispón de 6 contas bancarias con existencias en contabilidade a data do 15 de xuño de 2023 por importe de 1.391.050,74 euros, contía dispoñible moi inferior á débeda contraída. A radiografía básica que puidemos ter acceso é que a data 31 de decembro de 2022 contabilizouse máis dun millón de euros de gastos que de ingresos.
Tamén segundo datos do Ministerio de Facenda o 21 de marzo de 2023 as facturas pendentes de pago ascenderon a un 1.439.209,00€. Adicionalmente e máis preocupante é que entre os meses de abril e maio de 2023, os meses anteriores ás eleccións municipais, hai máis de medio millón de euros (500.000€) de facturas sen contabilizar aproximadamente.
Lamentablemente a situación é gravísima, desde o Grupo Popular levamos denunciando máis de tres anos que si que hai diñeiro para destinar a asesores de todo tipo para o Sr. Alcalde pero non hai diñeiro para a dependencia, para poñer en marcha o centro de día ou tan sequera non hai diñeiro para apoiar e asistir ás máis de 95 persoas en lista de espera para “axudas ao fogar”. Desde o noso Grupo non imos mirar para outro lado, imos seguir manifestando que temos un Alcalde que nos está levando á ruína económica se non é que xa alcanzamos ese momento.
A prioridade do Goberno actual desde este sábado 17 de xuño é repartir dedicacións exclusivas aos seus concelleiros e darlle o que lles pida sen saber se dispoñemos de partidas orzamentarias suficientes para facer fronte á débeda pendente. Instamos unha vez máis ao Goberno actual a establecer un portal de transparencia na web do Concello para que todos os veciños podamos ter acceso ás Conta Xeral do Concello (Balance, Conta de Resultado económico, patrimonial, Memoria e liquidación do Orzamento), como así se procede en moitos outros Concellos en España".
Comunicado do Concello de Vila de Cruces
"Despois dunha lexislatura de gastos imprevistos por mor do Covid 19, no que houbo que investir grandes cantidades de diñeiro en manter limpos e desinfectados os lugares públicos, todos os investimentos realizados por Taboada en mellora de camiños, rozas, luminarias, saneamentos etc. . O Goberno de Xuntos Polo Noso Concello quere informar os veciños e veciñas de Vila de Cruces sobre a actual situación económica do Concello, co obxectivo de promover a transparencia e desmentir os rumores infundados que circulan sobre unha suposta débeda millonaria.
A día 15 de junio de 2023, as contas bancarias do municipio reflicten un saldo positivo de 1.391.027,43 euros, o que demostra unha sólida xestión financeira durante o últimos catro anos. Ademais, é importante destacar que o remanente de tesourería actual sitúase en case 400.000 euros, o cal indica un equilibrio económico considerable.
A esta cantidade débense sumar os fondos pendentes de recibir por subvencións correspondentes a traballos xa realizados e pagados polo concello, como a implantación de luces LED, pola cal se espera recibir máis de 557.000 euros, e a reforma da rúa Vázquez, pendentes de percibir 363.709,51 euros, que xa se pagaron o provedor e non se recibiu nada de momento da Deputación, na mesma liña se atopa a subvención do Plan
Concellos do ano 2021 por un importe de 471.313,21 euros que xa están todos os pagos os provedores e aínda temos pendentes de que no lo ingresen, tamén temos pagado 181.816,63 euros da liña 1 do Plan Concellos do ano 2022 e teñen que ingresarnos esa cantidade dende a Deputación máis outros 60.000 pendentes de recibir do APROL e do RISGA, o que suman de importes pendentes de recibir das administración 1.633.839,35 euros.
Ao sumar a cantidade que a día de hoxe hai no banco de 1.391.027,43 a cantidade pendente de recibir de subvencións aceptadas que xa están pagadas polo concello, son outros 1.633.839,35 euros dános un total de saldo positivo de 3.024.866,78 euros, algo moi distinto ao que tentan facer crer con mentiras e enganos.
Con respecto as facturas pendentes de pago, a día 15 de xuño de 2023, salvo erro involuntario, na contabilidade figura:
Unha relación de facturas aprobadas de modificación de crédito (CE) con cargo ao remanente líquido de tesourería aprobadas en Pleno, pendente da publicación definitiva en BOP a día 15/06/2023 para poder realizar o pago, por un importe de 313.996,62€.
Unha relación de facturas non aprobadas en Pleno por un importe total de 16.999,14€.
Temos outra relación de facturas pendentes de pago a día 15 de xuño de 2023 por un importe de 218.781,15 € (a cal xa se fixo o pago o día 16/06/2023).
E outra relación pendente de pago de facturas a día 15 de xuño de 2023 por un importe de 250.700,01€.
O que suma un total pendente a 15 de xuño de 2023 de 800.476,92€. O que supón que se temos 3.024.866,78 euros, e pagaramos todo o que se debe a 15 xuño que son 800.476,92€. O resultado sería de 2.224.389,86 de saldo nas contas do concello.
Esta situación a día 15 de xuño de 2023 é completamente diferente á atopada polo Goberno de Xuntos Polo Noso Concello ao asumir a administración municipal no ano 2019. Naquel momento, o Concello carecía de recursos para realizar calquera tipo de contratación, pola mala xestión do PP no goberno anterior. É máis, os cartos deixados nas contas polo PP no ano 2019 estaban comprometidos con facturas nos caixóns por máis de 400.000 euros sen pagar e inda por riba o goberno anterior do PP contratara un préstamo de case 300.000 euros para a construción do polivalente, o cal foi practicamente amortizado durante este período de xestión por Xuntos Polo Noso Concello.
O Goberno de Xuntos Polo Noso Concello sente orgullo de lograr unha estabilidade financeira sólida e responsable durante estes catro anos coa concelleira de facenda Mireya Otero á fronte, superando as dificultades económicas herdadas e mellorando a situación do Concello. Así mesmo, reafirmamos o noso compromiso coa transparencia e o benestar dos nosos veciños e veciñas, traballando en aras dun futuro próspero para Vila de Cruces".
Comments