top of page

O Pleno do Concello aproba o Orzamento Municipal de 2026, "o maior da historia de Monterroso"

  • O PSdeG de Monterroso vota en contra do Orzamento Municipal porque "nace estruturalmente quebrado e incumpre as regras fiscais"

  • Rocío Seijas, de IxM: "O alcalde actúa de mala fe institucional e pon en risco a legalidade democrática do Concello"


Ecos da Comarca/Monterroso

O Pleno ordinario do Concello de Monterroso aprobou este martes o Orzamento Xeral para o exercicio 2026, que ascende a 4.922.632,35 euros, o maior presuposto da historia do municipio e un documento que permitirá seguir impulsando importantes investimentos e

reforzando os servizos públicos municipais, tal e como recalca o goberno local. O Orzamento foi aprobado por maioría absoluta, co voto favorable dos tres membros do equipo de Goberno e dos concelleiros non adscritos Pablo Losada e Antonio Gato, así como do concelleiro de Independentes por Monterroso (IxM), Luís Mariño Castro. Pola súa banda, os concelleiros do PSOE e do Partido Galego votaron en contra, mentres que o concelleiro do BNG optou pola abstención.


Desde o Goberno municipal expresan “o noso máis sincero agradecemento aos concelleiros que apoiaron este Orzamento, porque entendemos que souberon antepoñer o interese xeral de Monterroso a calquera outra consideración política, demostrando responsabilidade institucional e compromiso co futuro do noso Concello”.

“Nun momento no que moitas veces prevalece a confrontación política, é de xustiza recoñecer a altura de miras daqueles representantes públicos que decidiron apoiar un documento elaborado pensando exclusivamente nas necesidades da veciñanza e no progreso de Monterroso”, precisa o rexedor, Eloy Pérez.


O Orzamento, explica o goberno local, mobiliza un programa de investimentos reais de 1.438.618,60 euros, unha das maiores apostas investidoras realizadas nunca polo Concello

de Monterroso.

Entre as principais actuacións destaca:

• Máis de medio millón de euros para investimentos de carácter social, destinados principalmente á reforma, ampliación e transformación da actual Vivenda Comunitaria nunha futura Residencia ou Fogar Residencial, unha actuación chamada a mellorar a atención ás persoas maiores e dependentes.

• Un importante esforzo inversor para a mellora das infraestruturas municipais, coa humanización de espazos públicos, a construción da senda peonil Sirgal-Monterroso e diversas actuacións de mellora urbana.

• Investimentos destinados ao deporte e aos equipamentos municipais, coa mellora das instalacións deportivas e da Cúpula Municipal.

• Actuacións para incrementar o patrimonio municipal, mediante a adquisición de terreos e a planificación futura da Peneda.

• Novos recursos para a promoción turística, potenciando o atractivo de Monterroso como destino vinculado ao Camiño de Santiago e ao seu patrimonio.

• O rural seguirá sendo unha prioridade, polo que as contas recollen actuacións de mellora en camiños, rozas de seguridade contra incendios, adecuación de vías municipais e recuperación de espazos naturais.

• Fortalecemento do tecido asociativo ao que se destinan máis de 90.000 euros, cun incremento importante das subvencións nominativas destinadas a entidades culturais, sociais e deportivas para promover as súas actividades.


“Extraordinario esforzo” en políticas sociais

O rexedor precisa que este Orzamento “non destaca unicamente pola súa capacidade investidora, senón que o seu principal valor reside no extraordinario esforzo realizado en materia de políticas sociais”. Así, o Concello destina 2.129.740,17 euros ao capítulo de persoal, "garantindo os profesionais necesarios para prestar servizos esenciais como o Servizo de Axuda no Fogar, o Centro de Día, a Escola Infantil Municipal, a Ocioteca, os

campamentos municipais, os programas de conciliación, Xantar na Casa, o transporte adaptado e os distintos programas de atención social".

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

A esta cifra, apunta, "súmanse 1.226.027,52 euros destinados ao funcionamento e mantemento destes servizos públicos, consolidando unha aposta clara por un modelo de Concello que sitúa ás persoas no centro da acción de goberno. Especial importancia ten tamén o reforzo da Escola Infantil Municipal, coa ampliación do persoal para garantir unha nova aula que permita atender todas as solicitudes de praza derivadas do incremento dos nacementos rexistrado durante o último ano, unha noticia especialmente positiva para un municipio rural como Monterroso".


Outro aspecto especialmente relevante, subliña, "é que este Orzamento se presenta desde unha posición económica privilexiada. O Concello de Monterroso mantén unha situación de débeda financeira cero, circunstancia que permite afrontar novos investimentos con solvencia e acudir ao financiamento exclusivamente para executar proxectos que incrementan o patrimonio municipal e melloran os servizos públicos".


Desde o equipo de Goberno lembran que estes resultados “son consecuencia dun intenso traballo desenvolvido ao longo dos últimos anos”. “Os tres integrantes do Goberno municipal levan xa tres anos exercendo as súas responsabilidades sen percibir ningún tipo de salario do Concello, dedicando centos de horas de traballo, esforzo e dedicación ao servizo da veciñanza. Trátase dunha decisión persoal que responde á vontade de poñer o interese de Monterroso por enriba de calquera beneficio individual, e que entendemos acredita o compromiso co que se está desenvolvendo esta etapa de Goberno”, remarca Pérez.


“Lamentamos que non fose posible acadar un maior consenso arredor dun Orzamento que consideramos beneficioso para Monterroso. Respectamos plenamente o sentido do voto de todos os grupos políticos, pero entendemos que un documento destas características, que reforza os servizos sociais, impulsa investimentos históricos e dota ao Concello das ferramentas necesarias para atender as necesidades da cidadanía, merecía un respaldo máis amplo”.


Con todo, recalca que, "o resultado da votación permite que Monterroso dispoña xa dun Orzamento que garante estabilidade, investimentos, mellores servizos públicos e unha folla de ruta clara para continuar avanzando. O equipo de Goberno afronta agora a súa execución coa mesma ilusión, responsabilidade e dedicación que guiaron a súa elaboración, convencidos de que o verdadeiro éxito deste Orzamento non estará nas cifras, senón nas melloras que a veciñanza poida percibir ao longo dos próximos meses. Porque, por riba de calquera diferenza política, o máis importante sempre será Monterroso e o benestar dos seus veciños e veciñas”, conclúen.


Postura do PSOE

Pola súa banda, o Grupo Municipal Socialista de Monterroso explica nun comunicado que votou en contra do Orzamento Municipal para o exercicio 2026, aprobado no Pleno ordinario celebrado o martes, ao considerar que se trata dunhas contas que “non responden ás necesidades reais de Monterroso” e que “agochan unha operación de crédito de 800.000 euros que contradí frontalmente o discurso da débeda cero”.


“O máis alarmante é que este orzamento nace estruturalmente quebrado e incumpre as regras fiscais. Non podemos apoiar unhas contas que presumen de rigor mentres dependen dun préstamo de 800.000 euros e de ingresos que non están garantidos”, advirte o voceiro socialista, Rafael García.


García critica que o Goberno local “pase de presumir de que Monterroso tiña débeda cero a volver meter o Concello nun crédito bancario de 800.000 euros”. “Non se pode vender unha cousa á veciñanza e facer a contraria nos papeis oficiais”, sinala.


Dende o PSdeG explican que o capítulo de investimentos ascende a arredor de 1,4 millóns de euros, pero consideran especialmente preocupante a súa estrutura de financiamento. Segundo detalla García, "só 91.600 euros procederían de fondos propios, mentres que 800.000 dependerían dun crédito bancario e os outros 547.000 figuran como achegas doutras administracións “en ningún soporte documental que os avale”. “Non hai convenios asinados, non hai compromisos firmes nin hai documentación que xustifique como se van ingresar eses fondos. Así non se constrúe un orzamento serio. Constrúese un castelo de naipes”, denuncia o voceiro socialista.


García subliña que o PSdeG “non entra a discutir a idoneidade concreta de cada investimento”, pero si cuestiona a ausencia dunha planificación ambiciosa e estratéxica para o futuro do municipio. Neste sentido, lamenta que as contas "non recollan actuacións de calado como unha nova depuradora de augas residuais, avances reais no desenvolvemento urbanístico a través dun Plan Xeral de Ordenación Municipal ou unha solución para dotar a Monterroso dunha residencia para persoas maiores. O que vemos nestes orzamentos é moita cifra inflada, moita propaganda e ningunha planificación”, engade.


O voceiro socialista tamén critica a “hipocrisía” do Partido Popular no relativo á atención ás persoas maiores, lembrando que a residencia ou fogar residencial segue sendo unha demanda pendente no municipio. “Agora falan de solucións cando durante anos bloquearon ou desprezaron propostas nesta liña. A veciñanza de Monterroso merece seriedade, non oportunismo”, apunta.


Dende o PSdeG insisten en que o seu voto en contra responde a unha cuestión de responsabilidade política e económica. “Non podemos apoiar unhas contas que presumen de rigor mentres dependen dun préstamo de 800.000 euros e de ingresos que non están garantidos. Monterroso necesita un orzamento realista, solvente e pensado para a veciñanza, non un documento feito para titulares”, concluíu García.


Críticas de Rocío Seijas, de IxM

Pola súa banda, a exalcaldesa de Monterroso e concelleira de Independientes por Monterroso Rocío Seijas, manifestou que, ao seu xuízo, convocar un pleno ordinario fóra de prazo e xusto o mesmo día en que ela lle manifesta a súa obrigación de comunicar que non vai estar no termo municipal durante 8 días, "é actuar con moi mala fe e utilizar mecanismos que, na súa opinión, desvirtuan as garantías do procedemento administrativo e do normal funcionamento democrático do concello vulnerando dereitos fundamentais como son o de participación política".


Segundo a edil, esta forma de actuar evidencia "unha falta de respecto cara ao POBO, a institución, cara ao resto de membros da corporación e cara aos principios de legalidade, transparencia e boa administración e manifesta unha vez máis o carácter autoritario e de compra de vontades do alcalde". Neste sentido, sostén que a convocatoria "responde a unha estratexia encamiñada a obter apoios políticos necesarios para sacar adiante acordos cuxa legalidade foi cuestionada, en lugar de propiciar o diálogo institucional serio e respectuoso co ordenamento xurídico. Búscase con esta forma de actuar, limitar o debate político e o exercicio dos dereitos que corresponden aos concelleiros".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

Ademais, apunta Seijas, "esta forma de actuar corresponde a unha procura e compra de intereses particulares, sendo os veciños os grandes prexudicados". “Cando se actúa de mala fe, ignorando as garantías legais e forzando os procedementos para alcanzar algún resultado político, debilítase a confianza dos cidadáns nas súas institucións. O meu compromiso seguirá sendo a defensa da legalidade, dos dereitos fundamentais e o interese xeral de todos os monterrosinos, non os interese particulares”, sostén.


Ademais lamenta "profundamente a forma na que se está xestionando a vida municipal". "Onde debería haber dialogo, respecto e procura de acordos", o que percibe "é unha estratexia para conseguir apoios políticos a calquera prezo deixando de lado o respecto institucional que merecemos todos os concelleiros, pero sobre todos, os veciños".


Como concelleira mantén que "non pode permanecer en silencio cando considera que se están vulnerando principios básicos do funcionamento democrático do noso Concello e defenderá e poñerá sempre no foco os veciños, pois son estes os que están a pagar as consecuencias dun goberno nefasto", conclúe.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page