top of page

O Pino rende homenaxe a Perfecto López, Carmen Vázquez, Alicia Tato e Jesús Salvado

14 jul 2025
2 min de lectura

Unhas 900 persoas asistiron á XXVII Xuntanza dos Nosos Maiores


Laura Moure/O Pino

Dous homes e dúas mulleres nados entre 1931 e 1932 nas parroquias de Lardeiros, Cerceda e Budiño foron o sábado os protagonistas da XXVII Xuntanza dos Nosos Maiores que o Concello do Pino celebrou na área recreativa da Madalena pare recoñecer e agradecer o traballo que desenvolveron durante toda a súa vida. Antes do xantar e confraternidade, ao que asistiron 900 persoas, o alcalde, Manuel Taboada, o director xeral de Maiores, Antón Acevedo; e concelleiros do equipo de goberno entregáronlles sendos recoñecementos a cada unha das persoas homenaxeadas.

Nesta edición, as placas conmemorativas e os recoñecementos foron para Perfecto López Brea, natural de Lardeiros e que fixo 94 anos o pasado 13 de maio; para Carmen Vázquez Castro, que naceu en Lardeiros o 29 e xullo de 1931 (fai 94 anos dentro de dúas semanas); Alicia Tato Martínez, nada en Cerceda hai 93 anos (celebrou o aniversario o pasado 7 de maio); e para Jesús Salvado Vigo, que naceu en Budiño o 31 de xullo de 1932. Todos eles recibiron un agarimoso aplausos de todas as persoas asistentes á festa.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A área recreativa da Madalena volveu ser o escenario destas tradicional xuntanza, que volveu xuntar a unhas 900 persoas do municipio maiores de 60 anos. O programa comezou co concerto da Banda de Música de Arca, dirixida por Andrés Pérez, e a misa ao aire libre oficiada polo cura de Castrofeito, José Antonio Conde.


O alcalde, Manuel Taboada, destacou na súa intervención o “traballo e a dedicación das catro persoas homenaxeadas, imprescindible para sacar adiante as súas familias e as súas explotacións gandeiras e agrícolas, que axudaron a que O Pino puidese prosperar ata converterse no que hoxe coñecemos todos”. Taboada rematou lembrando que a Xuntanza dos Maiores “quere ser un agradecemento e un recoñecemento a todo o que conseguistes con tanto sacrificio”.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O restaurante Casa Taboada foi o encargado de preparar o menú, composto por empanada, sardiñas, polbo e carne ó caldeiro, co que as persoas asistentes puideron repoñer forzas antes dunha animada sobremesa, na que unhas conversaron animadamente, outras xogaron unha partida de cartas e outras moitas animáronse a bailar ao ritmo da música do dúo Eva e Camilo.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page