O Pino reforza o seu compromiso coa igualdade cunha programación educativa e social polo 8M
- Laura Moure

- hace 20 minutos
- 3 Min. de lectura
A campaña estenderase durante todo o mes con obradoiros coeducativos en todas as etapas escolares, desde Infantil ata a ESO
Laura Moure/O Pino
O Concello do Pino presenta a programación oficial para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller, combinando a visibilidade institucional coa formación de base. O obxectivo do goberno local é promover a igualdade, reforzar a prevención da violencia de xénero e fomentar valores de respecto e coeducación entre a veciñanza, especialmente entre a mocidade.

Ao coincidir o 8M en domingo, o Concello concentrará os seus actos institucionais o venres
6 de marzo. Esa xornada será o punto de partida dunha campaña que chegará a todos os recunchos do municipio a través de cartelería e folletos informativos que se distribuirán en
edificios públicos, centros educativos e establecementos comerciais.
Unha das pezas centrais da xornada do venres 6 será a instalación dun Espazo Informativo
e Preventivo na entrada do centro educativo, que estará operativo de 9:00 a 12:00 horas.
Este espazo, atendido por persoal especializado, non será unicamente un lugar de recollida de materiais, senón un punto de referencia para a cidadanía onde se ofrecerá: información clara sobre dereitos das mulleres e recursos locais e autonómicos; identificación de sinais de alerta en materia de violencia machista; e atención confidencial, respectuosa e non invasiva.
A educación como motor de cambio
O Concello do Pino entende que a igualdade real constrúese nas aulas. Por iso, durante todo o mes de marzo, desenvolverase unha programación coeducativa adaptada a cada
nivel madurativo.
Así, en Educación Infantil traballarase a través do xogo e contacontos como Nin un biquiño a forza, ademais da creación dun mural colectivo baixo o lema Todas e todos somos iguais.
Publicidade
Tamén está incluído o obradoiro Camiñando cara á igualdade, no que os nenos e nenas colorearán pegadas de pés que se colgarán no árbore da Casa da Cultura, promovendo
valores de igualdade e cooperación.
En Educación Primaria afondarase no recoñecemento das desigualdades, na identificación
de estereotipos de xénero e na promoción do bo trato entre iguais. Para iso desenvolverase
o obradoiros Igualdade no día a día, dinámicas participativas con xogos de clasificación e
reflexión sobre o que ‘poden’ ou ‘deben’ facer nenos e nenas. e o visionado de curtas e
vídeos educativos, seguidos dun diálogo guiado para favorecer o pensamento crítico.
O venres día 6, ás 13:00 horas, poderán gozar tamén da obra Travesía Unicornio de Teatro
Ghazafellos, unha adaptación teatral do libro de María Canosa, gañador do Premio Anisia
Miranda de teatro infantil. A obra, chea de humor e valores, mostra como un neno e o seu
unicornio se atopan cunha xenia que lles axuda a escoitar e aceptar os desexos propios e
alleos, rompendo roles tradicionais de xénero e promovendo a libre elección de intereses.
As actividades subirán de intensidade entre o alumnado de Educación Secundaria (ESO).
PUBLICIDADE
Nestes cursos abordarase sobre todo a prevención da violencia nas redes sociais, o control dixital, a desmontaxe dos mitos do amor romántico e a promoción de masculinidades positivas’ por medio de talleres e espazos de diálogo.
Compromiso institucional
O Concello do Pino quere ser un referente en convivencia e igualdade polo que agradece a implicación da comunidade educativa e convida a toda a veciñanza a participar nesta
campaña necesaria para construír un municipio máis xusto, equitativo e libre de violencias.








Comentarios