top of page

O Pino reafirma a súa identidade rural cunha multitudinaria Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar

O evento, declarado de Interese Turístico de Galicia, reuniu 70 exemplares na feira avícola e serviu 200 kg de galo no xantar popular


Laura Moure/O Pino

O Concello do Pino celebrou esta fin de semana a XXIV edición da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar, un evento declarado de Interese Turístico de Galicia que contou cunha alta participación veciñal e visitante, unha programación renovada e máis de 4.400 euros en premios.


A xornada principal tivo lugar o domingo, cun amplo abano de actividades dende primeira

hora da mañá. A partir das 9.00 horas abriu a Mostra Cabalar, e ás 10:00 horas deu comezo a XXIV Feira Avícola de Galos e Galiñas de Raza Piñeira, cun total de 70 exemplares vivos participantes.

A animación de rúa correu a cargo da Charanga NBA e da Feira Artesanía no Camiño, que incluíu obradoiros participativos e demostracións de oficios tradicionais. A programación

familiar centrouse na zona infantil, con xogos xigantes, barca artesanal e espectáculos do

Mago Antón, Kinetiko e o Circo Chosco Távole. Como novidade desta edición, celebrouse a I Concentración de Coches Clásicos e Históricos, que reuniu máis de 35 vehículos con máis de tres décadas de antigüidade, atraendo público de todas as idades.


Un dos momentos máis concorridos foi a tradicional degustación gratuíta de galo piñeiro. Ás 14:30 horas celebrouse o acto institucional da festa co pregón a cargo do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, José González Vázquez, acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, así como dos alcaldes de Oroso e de Ares (que participou na feira como criador) e de concelleiros e representantes dos concellos de Toques, Arzúa, Frades e Rois, aos que o alcalde do Pino, Manuel Taboada, agradeceu a súa presenza.


Certame avícola

No certame avícola, a criadora Carmen Barral destacou cun total de seis trofeos nas seguintes categorías: 1º premio galo piñeiro ancestral, 1º premio galiña piñeira ancestral, 2º

premio galo piñeiro branco, 1º e 2º premio galiña piñeira branca e 1o premio galo de curral.


Carlos Magadán recibiu tres premios: 1º e 2º premio galo piñeiro silvestre e 2º premio galo piñeiro ancestral, mentres que o seu fillo, Lucas Magadán, tamén logrou tres galardóns: 1º

e 2º premio galiña piñeira branca e 2º premio galiña piñeira ancestral.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.


Tamén foron recoñecidos o alcalde de Ares, Julio Iglesias (1º premio galo piñeiro branco),

María Dosinda (2º premio galo de curral) e Juan Potel (3º premio galo de curral).


Ás 15:00 horas tivo lugar o tradicional xantar popular, baixo carpa, cun menú centrado no galo piñeiro. Servíronse arredor de 200 quilos de polo de curral entre as 1.500 persoas asistentes, que esgotaron as entradas anticipadas e boa parte das dispoñibles no día.


Pola tarde, a programación ecuestre continuou coa carreira de trotóns, exhibición de enganche, proba de arrastre e o espectáculo “Pura Vida”, seguido do musical “Historia da

Verbena” a cargo de La Oca Band, que puxo o broche final á xornada.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Primeira xornada con novidades

A festa arrancara xa o sábado cunha das principais novidades: a media maratón “Os 21 do

Galo Piñeiro”, que uniu Arzúa e O Pino por tramos do Camiño Francés, cunha participación de 200 atletas nas dúas distancias. e os concertos de Píscore e Queiman, que deron comezo á fin de semana festiva.


A Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar 2025 estivo organizada polo Concello do Pino, coa colaboración de Turismo da Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, Agacal, Agadic,

Fundación Artesanía de Galicia e ABANCA.


NOS VINDEIROS DÍAS PUBLICAREMOS VÍDEO REPORTAXE DA CITA.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page